jueves, 20 de agosto de 2020

A Deputación e o IMCE dan continuidade á xestión conxunta do Teatro Colón

 

A Deputación inviste 250.000 euros na programación e mantemento das instalacións neste novo acordo 

A Coruña, 20 de agosto de 2020. 

A Deputación da Coruña e o Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), organismo pertencente ao Concello da Coruña, continuarán a súa xestión conxunta do Teatro Colón. 

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a alcaldesa da Coruña e presidenta do IMCE, Inés Rey García, e o deputado responsable da ´raea de Cultura, Xurxo Couto, asinaron na sede provincial o convenio a través do que ambas institucións amplían a cooperación actual ata decembro de 2020. 

A Deputación e o IMCE xestionan de forma conxunta o Teatro Colón desde o 2018, ano no que se firmou o acordo que permitiu integrar o teatro na rede pública de espazos culturais municipais. 

“A colaboración ao longo destes anos arroxa un balance moi positivo que contou cunha axenda cultural de calidade. Ambas institucións amosamos neste tempo a nosa consonancia á hora de xestionar este espazo, así como o noso compromiso coa cultura e cos seus axentes” indicou González Formoso na firma desta mañá. 

A través do convenio a Deputación investirá un total de 250.000 euros, dos que 175.000 euros se destinarán á programación cultural e 75.000 € ao mantemento das instalacións. Segundo indica o acordo, compartirase a programación das actividades que se levarán a cabo no teatro, podendo a Deputación empregalo para actos propios ou para a cesión a concellos da provincia ou entidades sen ánimo de lucro para a realización de espectáculos ou actividades de carácter cultural ou social. 

Deste xeito a Deputación comprométese facerse cargo dos servizos de mantemento das instalacións e do seu equipamento. Á súa vez, investirá na transformación das bombillas a LED no patio de butacas e outras plantas, na reparación do aire acondicionado e na mesa de luces e monitores, así como na caixa negra. Tamén se encargará do pago de impostos e do seguro do inmoble, que adquiriu no ano 1997. 

Pola súa banda o IMCE comprométese a contratar e aboar os gastos de persoal de xerencia do teatro, espectáculos e actividades, persoal de asistencia técnica e venda de entradas e persoal de sala, entre outros. 

Ao longo destes anos de colaboración ambos entes destacan tamén a elevada asistencia de público ao lugar. As persoas participantes nalgún dos espectáculos valoraron moi positivamente o Teatro Colón segundo indican as enquisas realizadas en colaboración coa Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña.