O primeiro traballo discográfico deste grupo de folk celta atlántico, apoiado por unha
campaña de micromecenado, publicarase o vindeiro 8 de setembro
“Canto das xacias é un disco conceptual e multiinstrumental co que pretendemos
poñer en valor o imaxinario popular galego”, apuntan os membros do grupo, que
recuperan a lenda das xacias a través das súas propias creacións musicais
O primeiro single, no que colabora Javier Cedrón, deixa entrever as sonoridades
tradicionais das que agroma a banda, conformada por artistas da Coruña e Arteixo
--
CONCERTO no Teatro Rosalía de Castro:
--
A Coruña, 25 de agosto de 2020.-
A banda de folk celta atlántico Dequenvessendo estrea
este martes, día 25, o tema Muiñeira d’a cabra, o single de presentación do que será o seu
primeiro traballo discográfico, Canto das xacias. O disco verá a luz o vindeiro 8 de setembro
logo de acadar, exitosamente, unha campaña de micromecenado impulsada polo grupo e
na que participaron máis dun cento de persoas.
“Canto das xacias é un disco conceptual co que pretendemos poñer en valor a importancia
da recuperación do imaxinario popular galego e da literatura oral, ese saber compartido que
nos idenfica e que é piar da nosa cultura”, sinalan os membos do grupo, que contan neste
traballo coa colaboración de artistas como Sés, Bieito Romero ou Nani García.
Así, sonoridades celtas, atlánticas e de raíz conflúen sutilmente nun álbum no que a banda
fía un relato singular, a da lenda da xacia do Miño, a través de once temas de creación
propia. Textos novos e outros recuperados da literatura galega conforman a narración do
Canto das xacias, un álbum sincero e fiel ao espírito do propio grupo, ateigado de matices e
influencias de diversos estilos que descobren, ante o mundo, o folk galego contemporáneo.
O primeiro corte que Dequenvessendo avanza é Muiñeira d’a cabra, un tema que amosa os
ecos da tradición que conforman a base das orixes da bandas. O single, dispoñible en
https://links.altafonte.com/n0qywgq, acompáñase dun videoclip que se pode visualizar
desde hoxe nas distintas plataformas virtuais. Nesta peza, na que colabora o violinista
Javier Cedrón, o grupo amosa a súa estreita relación cun dos locais de concertos máis
coñecidos de Santiago de Compostela, Casa das Crechas, e do que forma parte da súa
programación de xeito habitual.
Dequenvessendo
Dequenvesendo bebe da tradición para actualizar o folk galego. O grupo nace no 2016 no
seo da Asociación Cultural Triskell de Armentón (Arteixo), coa idea de formar un proxecto
baseado nos cuartetos de música tradicional. Desde os seus inicios, o grupo deixa a súa
impronta en foliadas de prestixio como os Cantos de Taberna de Folgoso do Courel ou en
citas como o Festival da Carballeira de Zas.
A experimentación sonora e o achegamento ao traballo de grupos como Luar na Lubre,
Milladoiro, Silly Wizard ou The Tannahil Weavers dán paso, desde a tradición, ao folk
contemporáneo. As influencias de diversos estilos musicais resoan nos seus directos e o
grupo acada a súa actual formación, de 6 membros multiintrumentistas, no ano 2018. Neste
tempo a banda convértese nunha peza chave da programación musical de míticos locais
como Casa das Crechas ou Cova Céltica e acada o recoñecemento en eventos de primeiro
nivel. É o caso do Festival de Ortigueira, cita na que se proclama gañadora do Concurso
Runas 2019 xunto ao gaiteiro xaponés Yuki Kojima.
Neste 2020 o grupo impulsa e finaliza, exitosamente, unha campaña de micromecenado
apoiada por máis de 160 persoas co obxectivo de publicar o seu primeiro LP. Este verán
Dequenvessendo regresa con forza aos escenarios para presentar ante o público Canto das
xacias, un traballo que ten coma protagonista a cultura galega a través da súa poesía e do
seu imaxinario popular.