O Concello decidiu suspender as actividades nestes dous centros até que a
situación epidemiolóxica permita aumentar a capacidade das clases
A Coruña, 8 de setembro de 2020.-
Por mor da pandemia da COVID-19 e ás recentes
medidas restritivas que afectan ás actividades culturais ditadas polas autoridades
sanitarias, e que supoñen unha redución a nove persoas por obradoiro, a empresa
concesionaria do Progama de Ocio de Outono no Fórum Metropolitano e o Centro
Ágora presentou a solicitude de suspensión do contrato ao pasaren de preto de
3.500 a 810 prazas. Deste xeito, o IMCE e mais o Concello da Coruña decidiron
aprazar as actividades até que a situación epidemiolóxica mellore e poidan
aumentar a capacidade nas clases.
O programa de ocio cultural e social que promove o Concello nestes dous centros
ten como obxecto darlles alternativas ao tempo libre aos e ás cidadás con propostas
innovadoras e actividades culturalmente enriquecedoras e que permitan realizar
unha acción compensatoria que favoreza a poboación con menos recursos
formativos. Confórmase de obradoiros e clubs pensados para a adquisición de
capacidades, que fomenten a convivencia e a sociabilidade das e dos participantes,
potenciando a relación e atendendo á diversidade e á integración das persoas.