O coruñés acaba de gañar o concurso convocado pola orquestra para cubrir a
vacante que deixou libre o recentemente falecido David Etheve
A Coruña, 4 de outubro de 2020.-
O coruñés Raúl Mirás acaba de gañar o concurso
convocado pola Sinfónica de Galicia que o converte no violonchelista principal, logo
do falecemento de David Etheve. O músico ten unha ampla traxectoria, pois tocou
nas orquestras sinfónicas máis reputadas de Europa de países como Suíza,
Alemaña ou Austria.
O mozo de 32 anos, nado na parroquia de San Vicenzo de Elviña, comezou a súa
andaina con sete anos no conservatorio das Pontes, onde cursou o grao
profesional, logo pasou polo Musikene de San Sebastián e cursou dous mestrados
en Basilea (Suíza) e en Berlín. Profesionalmente, comezou na Orquestra Nova de
Galicia e máis tarde tocou na Joven Orquesta Nacional de España (JONDE) e na
Gustav Mahler Jugendorchester.
Posteriormente, foi academicista da orquestra de Radio Berlín e estivo un ano
contratado pola Real Filharmonía de Galicia ata que acadou praza no Conservatorio
de Zaragoza. Tamén foi mestre no Conservatorio Superior de Música de Aragón e
en 2018 acadou por oposición o posto de chelo solista na Orquestra Sinfónica de
Tenerife.