A parcela, que alberga preto de 120 novas prazas, é unha antiga
demanda da veciñanza do barrio e servirá tamén como
estacionamento disuasorio
A Coruña, 20 de novembro de 2020.-
A alcaldesa, Inés Rey, anunciou que desde esta
mañá xa está aberto o aparcadoiro público de Casablanca. O concello, dixo,
finalizou esta semana as obras para habilitar na parcela municipal situada no barrio
dos Castros un aparcadoiro que dispón de aproximadamente 120 novas prazas de
estacionamento. Os traballos consistiron en explanar e valar a parcela, así como en
dotala de iluminación.
A alcaldesa sinalou que con esta actuación se dotará a zona dunha bolsa de
aparcamento exterior ao barrio que servirá como estacionamento disuasorio e para
que a veciñanza poida aparcar pola noite, algo que xa viña realizando nesta zona na
rúa de acceso ao novo aparcadoiro, pero que agora se fará con medidas de
seguridade. Unha actuación, lembrou a alcaldesa, que responde a unha petición da
Asociación de veciños Oza-Gaiteira-Os Castros e que aumentará a capacidade de
estacionamento no barrio e mellorará a mobilidade da zona ao apostar polo
transporte público.
Neste senso, a alcaldesa apuntou que desde a Concellería de Mobilidade se está
estudando a posibilidade de achegar a parada de bus situada na rotonda de
Casablanca a unha localización máis próxima ao aparcadoiro para que, deste xeito,
as veciñas e os veciños poidan utilizar o bus urbano para se trasladaren ao centro
da cidade e así evitaren tantos desprazamentos en coche particular.