A Xunta de Goberno local someterá este mércores a aprobación o proxecto para mellorar a rúa Severo Ochoa, que contará cun carril bici bidireccional, vexetación e beirarrúas máis anchas así como con 44 prazas de aparcamento novas
A Coruña, 20 de marzo de 2021.-
A Xunta de Goberno local levará a aprobación na sesión do próximo mércores o proxecto de humanización para o polígono de Agrela, en que o Concello reorganizará o tráfico da rúa Severo Ochoa coa construción dun carril bici bidireccional e o cambio a batería das prazas de aparcamento. Cun orzamento de 951.356,27 euros, os traballos enmárcanse dentro da Estratexia Eidus Coruña e estarán financiados nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), dentro do eixe de desenvolvemento urbano do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020.
A actuación, que lle afectará á marxe dereita da vía, terá unha lonxitude aproximada de 700 metros, desde o cruzamento coa rúa Galileo Galilei até a rotonda que está na intersección coa rúa Newton. Aumentarase a beirarrúa, que se pavimentará con formigón e disporase dun carril bidireccional para as e os ciclistas, de 2,5 metros de ancho. Na medianeira, plantaranse árbores de gran porte nun espazo de 3,5 metros de ancho cunha beiravía de 0,25 metros e realizaranse escavas, sempre que a superficie das beirarrúas o permitir, ademais dun separador de terra dun metro de ancho entre o aparcadoiro e o carril bici.
As prazas disporanse en sentido oblicuo e ocuparán 5,5 metros cada unha delas. Nun tramo, substituirase a medianeira por unha barreira coa que se gañarán máis metros para un terceiro carril e manter así á vez o xiro á esquerda. Os dous carrís de circulación son de 3,25 metros e o engadido medirá 2,8 metros. Ademais, proxectaranse tres paradas de autobús, en que se incorporarán vexetación, bancos de formigón, un novo paso peonil e mobiliario. Das 25 prazas de aparcamento en batería -das que catro son prazas para persoas con mobilidade reducida-, a rúa contará con 134 prazas nesta disposición tras reconverter as 66 que había en liña. A reorganización permite que a zona pase dunha capacidade para 100 vehículos a capacidade para poder estacionar 144. Canto á reserva de prazas para transportes lixeiros, na actualidade existen nove en liña e, coa nova planta, proxectaranse catro en liña e 3 máis en batería.