lunes, 15 de noviembre de 2021

A Deputación conmemora o Día do Patrimonio Mundial cun concerto de Xurxo Fernandes no Colón


 

O concerto, con entrada de balde ata completar aforo, terá lugar ás 20h o martes 16 de novembro e forma parte do programa da área provincial de Cultura “Patrimonio GZ Sons” para difundir a recuperación e posta en valor da riqueza do patrimonio musical galego

A Coruña, 13 de novembro de 2021. Xurxo Fernandes presenta este martes 16 de novembro o seu novo proxecto musical “Levaino!” no Teatro Colón da Coruña. Trátase do concerto co que a área de Cultura da Deputación da Coruña conmemora o Día do Patrimonio Mundial e que se enmarca no programa ‘Patrimonio GZ Sons’.

Xurxo Fernandes iniciará a súa actuación ás 20h e o acceso ao Teatro Colón será de balde ata completar aforo e sen necesidade de reservar entrada previamente. “Levaino!” inclúe doce temas recollidos polo propio artista en territorios tan diversos como son Coristanco, Samakov, A Mezquita, Salihli, Tordoia, Larache ou Tel Aviv. Con eles, “Levaino!” percorre unha ducia de paisaxes sonoras pouco coñecidas, que comezan no Mediterráneo Oriental e que rematan en Galicia, que explicitan e manifestan os vínculos entre ambas culturas e tradicións orais.

En directo, “Levaino!” é un espectáculo único, cheo de forza e cuns músicos de referencia no panorama galego: Pedro Lamas (dulzaina, saxo e gaita), Roberto Comesaña (teclado), Rafa Morales (baixo eléctrico), Rubén Montes (set de percusión) e Xurxo Fernandes (voz e pandeireta). Un evento que completan as Pandeireteiras Sen Fronteiros (PAN.SEN.FRON) coas súas voces e alegría.

Xurxo Fernandes é unha das voces máis singulares do panorama galego actual, capaz de innovar minuciosamente desde a tradición grazas ao seu vasto coñecemento do eido da creación popular colectiva. Con só 14 anos comeza unha investigación e recollida polas aldeas de Galicia que mantén ao longo de máis de dúas décadas. Este traballo de campo, a través de conversas e enquisas, outorgan ao artista unha fonda cosmovisión da tradición oral galega. De xeito paralelo, e tamén a través de entrevistas persoais, achégase ás sonoridades propias das comunidades sefardís espalladas por cidades como Estambul, Esmirna, Sofía, Plovdiv, Samakov, Atenas, Tesalónica ou Xerusalén. Coñece máis sobre Xurxo en www.xurxofernandes.gal

Convén lembrar que o programa “Patrimonio GZ Sons” está a levar por distintos concellos da Coruña concertos didácticos a cargo de Pablo Carpintero e de Fransy González e Davide Salvado, que se están programando ao longo do mes de novembro con motivo do Día do Patrimonio Mundial declarado pola Unesco co obxectivo de protexer, coidar e preservar os bens culturais que conforman parte da riqueza da humanidade. Neste sentido, a área de Cultura da Deputación da Coruña achega este programa de concertos coa finalidade de promover o coñecemento popular e a consideración da música tradicional como tesouro patrimonial, así como da necesiade de valorizala entre a cidadanía para que esta se implique no seu coidado e divulgación.