Proxecto: contrataciondelestado.es
Os traballos, que teñen un prazo de execución de doce meses, intégranse no plan de mellora da mobilidade na cidade posto en marcha polo Goberno de Inés Rey
A Coruña, 12 de setembro de 2022.- O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, comezou hoxe os traballos de construción dun novo tramo de carril bici na Coruña, que ampliará a rede xa existente na contorna do estadio de Riazor e Cidade Xardín.
As obras, adxudicadas á empresa Canarga S. A. a mediados de xullo, en Xunta de Goberno Local, suporán un investimento de 497.489 euros e terán un prazo de execución de doce meses. Estes traballos, que forman parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, acometeranse grazas á captación de 11 millóns en fondos Next Generation por parte do Goberno de Inés Rey, e reforzarán a aposta polo plan de mellora da mobilidade pola cidade posto en marcha durante o vixente mandato.
Este novo percorrido para vehículos non motorizados discorrerá 530 metros pola avenida da Habana, no lateral superior do estadio municipal de Riazor, e un último tramo que cruzará a avenida de Bos Aires para darlle continuidade ao carril bici polo paseo marítimo.
Ademais, construiranse outros 530 metros de carril bici na rúa Gregorio Hernández que se unirán co tramo xa disposto tras a reurbanización da rolda de Nelle, coa retirada do viaduto. Os traballos completaranse con 112 metros de carril bici no cruzamento entre a rúa Gregorio Hernández e a avenida de Habana.
Este novo tramo de carril bici, con 1,2 quilómetros de percorrido, terá 2,5 metros de ancho e será de dobre dirección. Ademais, tamén contribuirá a renovar e mellorar a contorna de Riazor, o paseo das Pontes - Cidade Xardín e San Roque. Neste sentido, durante os Nota de prensa traballos, plantarase tamén arboredo e levaranse a cabo melloras de adaptación nos pasos peonís e as paradas da rede de autobuses.
Os traballos para ampliar a rede do carril bici
A alcaldesa, Inés Rey, recalcou hoxe o compromiso do Goberno municipal para identificar A Coruña como unha cidade sostible e respectuosa co medio ambiente, “para o que seguimos a traballar na ampliación da rede de carril bici da cidade, que neste momento chega xa aos 50 quilómetros e, ademais, coa estrea este mesmo verán do novo servizo de BiciCoruña”.
Por outra banda, a comezos do mes de agosto tamén se iniciaron os traballos de conexión dos carrís bici de Pablo Picasso e a glorieta do mercado de Elviña, que conecta dúas vías da rede ciclista existente: as de Salgado Torres – Pablo Picasso – UDC e Ramón y Cajal – Matogrande.
Ademais, a mediados de xullo, o Concello comezou as obras de ampliación do tramo de carril bici que conectará Mesoiro Vello e o Campus de Elviña coa estrada do Martinete.