martes, 20 de diciembre de 2022

A xira de Salvador Sobral pasará por Galicia en 2023


  • Salvador Sobral presentará “bpm”, o primeiro traballo composto integramente polo artista portugués xunto ao seu inseparable compañeiro Leo Aldrey, o vindeiro mes de marzo en Galicia
  • Actuará o 24 de marzo no Teatro Colón da Coruña e o 25 no Auditorio Mar de Vigo. As entradas xa se poden adquirir a través de www.ataquilla.com e www.teuticket.com

Calquera entendido en música sabe que “bpm” alude habitualmente aos beats por minuto, é dicir, aos golpes ou pulsacións que unha canción ten por minuto, especialmente na música electrónica. Salvador Sobral (Lisboa, 1989) tomou estas siglas polo seu significado orixinal en portugués, “batimentos por minuto”, é dicir, latexados por minuto para titular o seu último traballo discográfico, con cancións en portugués, castelán e inglés, e que inclúe as colaboracións do pianista de jazz galego Abe Rábade e da lisboeta Margarida Campelo. Recuperado xa dos seus problemas de saúde de hai anos, o corazón do artista portugués continúa bombeando música. 

“bpm” abre unha nova paleta de sonoridades dentro da música do artista luso, incorporando instrumentos como a guitarra e arroupado por un cuarteto, con Max Agnas ao piano, André Rosinha ao contrabaixo, Bruno Pedroso á batería e André Santos á guitarra. Cancións como “sangue do meu sangue” ou “fun ver meu amor” mostran ao artista en plena forma, sen medo a experimentar e a xogar con diferentes estilos musicais, pero sen esquecer nunca a esencia, o jazz.

O seu triunfo en Eurovisión en 2017 con “Amar Pelos Dois” deuno a coñecer a nivel mundial, pero Salvador Sobral xa se formou na escola de jazz e música moderna Taller de Músics, en Barcelona. Un ano antes, en 2016, debutaba con “Excuse Me”, un álbum que deixaba claro o seu gusto polo jazz e situábao na liña de artistas renovadores do xénero como Jamie Cullum. Logo chegarían “Paris, Lisboa” (2019) e “Alma Nuestra” (2020), con concertos por toda Europa que habitualmente incluían paradas en España e en Galicia, a miúdo acompañado do pianista Abe Rábade.

Desde entón, as cancións de Salvador Sobral non deixaron de latexar, e o vindeiro ano, teremos dúas oportunidades de tomarlle o pulso ás súas emocións en directo, o 24 de marzo no Teatro Colón (A Coruña) e o 25 no Auditorio Mar de Vigo. As entradas datas poden adquirirse a través de www.ataquilla.com e www.teuticket.com