A Concellería de Benestar Social ofrecerá comida, bebidas quentes, roupa
seca e sacos para durmir ás persoas sen fogar, que poderán pernoctar no
Centro Cívico dos Mallos a partir das 21:00 horas de hoxe
A Coruña, 16 de xaneiro de 2023.- Ante a situación de alerta vermella polo temporal que
azouta a cidade, o Concello da Coruña pechará este martes todas as praias e parques, así
como os accesos ao Paseo Marítimo, co obxectivo de reforzar o dispositivo de seguridade
por mor das inclemencias meteorolóxicas.
O Concello insta á cidadanía a extremar as precaucións e non achegarse ao bordo costeiro,
asi como alonxarse das praias e lugares que podan ser afectados polas mareas e as ondas,
debido á intensidade do vento, así como a non situarse nos extremos dos peiraos ou
espigóns da cidade. Por outra banda, o Concello tamén recomenda non circular con
vehículos polas estradas lindeiras á liña de praia no Paseo Marítimo, así como alonxarse de
cornisas, muros, árbores ou vallas publicitarias.
A maiores, a Policía Local recomenda, como medida de carácter preventivo nos fogares, a
retirada de macetas e de todos aqueles obxectos que sexan susceptibles de precipitarse á
rúa por mor do vento e a choiva.
Ademais, a Concellaría de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá vén de activar
un dispositivo de emerxencia para acoller ás persoas sen fogar da cidade.
A partir das 21:00 horas de hoxe, as persoas que o desexen poderán pernoctar no Centro
Cívico dos Mallos, onde se lles ofrecerá comida, bebidas quentes, roupa seca e sacos de
durmir. "O dispositivo está previsto para esta noite e a de mañá, martes, e poderá
prolongarse ao longo desta semana se fose necesario", explicou a concelleira de Benestar
Social, Igualdade e Participación Cidadá, Yoya Neira.
O servizo de pernocta estará operativo entre as 21:00 e as 8:00 horas. Os equipos do
Servizo Municipal de Atención ás Emerxencias Sociais (SEMUS) e os equipos de rúa
percorren a cidade avisando aos posibles usuarios deste servizo de emerxencia para que
se trasladen ao centro cívico.
Neira lembrou que, ademais deste dispositivo especial nocturno, as persoas sen fogar
poden utilizar tamén os demais centros cívicos durante o día. Tamén a Institución Benéfico
Social Padre Rubinos flexibilizou as súas condicións de acollida mentres dure o temporal.
Nas próximas horas espérase un acusado descenso das temperaturas coa chegada das
borrascas Gérard e Fien, que afectará sobre todo á metade norte peninsular con fortes
ventos, choiva, frío e neve.