lunes, 16 de enero de 2023

O Concello publica as propostas gañadoras dos Orzamentos Participativos nas que se investirán 2,5 millóns de euros


 

O Goberno municipal achegará 90.500 euros máis para incluír a creación dunha zona de lecer en Palavea

A Coruña, 16 de xaneiro de 2023.- Xa se poden consultar na web municipal as propostas gañadoras da última edición dos Orzamentos Participativos coas súas correspondentes partidas. Son 17 as propostas -cinco para toda a cidade e 12 correspondentes aos 10 distritos da Coruña- as máis votadas no proceso de participación cidadá que se levaron a cabo a finais do pasado ano.

Ademais destas 17 propostas, o equipo técnico municipal valorou o emprego dos remanentes para a inclusión dunha proposta máis nos distritos 1 ou 8, os únicos que non acadaron o límite de orzamento asignado por distrito. Seguindo o criterio de maior número de votos, inclúese a maiores o proxecto de creación dunha zona de lecer e ocio no barrio de Palavea, para cuxa posta en marcha o Concello achegará 90.500 euros que se sumarán aos 2.500.000 euros consignados para os Orzamentos Participativos. Mediante os orzamentos participativos o Goberno de Inés Rey amplía os investimentos previstos nos barrios da cidade, que neste mandato superan xa o 40 millóns de euros.

“A suma dos orzamentos das propostas gañadoras deixaba un remanente de 60.000 euros - explica a concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira-, unha vez analizadas todas as opcións e tendo en conta o número de votos recibido, o Concello decidiu destinar o dito remanente a poñer en marcha a segunda proposta máis votada do Distrito 8 (Palavea) e completar con fondos propios os 150.000 euros de orzamento que se necesitan”, agregou.

Neira destacou o aumento de cidadáns e cidadás que participaron na fase de votación, aproximadamente un 70 % máis que o ano pasado. O número de persoas que optaron pola votación presencial en urna experimentou igualmente un ascenso importante, sendo máis do dobre que o ano pasado, cando se habilitou esta opción de voto por primeira vez.

En canto á participación por distritos, destaca moi por encima dos demais o distrito 7, con máis de 1.000 votos contabilizados. O distrito 5 tamén tivo unha participación alta, con 636 votos contabilizados.

En total, houbo 1.747.745 visitas á plataforma "nacorunacontas" situada na web municipal, presentáronse 608 propostas e emitíronse 22.254 apoios. Na votación final participaron 3.140 persoas.

Propostas gañadoras


1. Para toda a cidade

● "Quero ser libre pola Coruña". Proposta de intervención global para a mellora da accesibilidade en toda a cidade presentada por GRUMICO (Grupo de persoas con discapacidade da Coruña) Orzamento: 250.000 euros.

● "Por unha cidade verde". Creación de novas zonas verdes e instalación de árboredo autóctono. Orzamento: 250.000 euros.

● "Parques infantís cubertos". Instalación de cubertas nalgúns dos parques infantís da cidade para poder utilizalos cando chove. Orzamento: 250.000 euros.

● "Baños públicos de calidade". Instalación de máis cabinas de aseo público con equipamentos modernos. Orzamento: 250.000 euros.

● "Mantemento e actualización da Domus". Proposta integral para o edificio de Arata Isozaki que inclúe a renovación do exterior e os accesos e a actualización da oferta expositiva dun dos museos máis populares da cidade. Orzamento: 98.000 euros.


2. Propostas por distritos

● Distrito 1 (Ciudad Vella, Cantóns, A Mariña e Orzán)

Rehabilitación dos bancos de cerámica dos Xardíns de Méndez Núñez. Orzamento: 60.000 euros.
Instalación de árbores na rúa Socorro. Orzamento: 25.000 euros

● Distrito 2 (Monte Alto, Orillamar, Zalaeta, Matadoiro e Durmideiras) Reparación da pista deportiva do CEIP Víctor Seoane. Orzamento: 148.000 euros.

● Distrito 3 (Catro Camiños, Juan Flórez, Ramón y Cajal e A Palloza) Ampliación da zona de xogos na praza de Tabacaleira. Orzamento: 150.000 euros

● Distrito 4 (Os Mallos, Vioño, avenida do Ferrocarril e contorna da estación de tren)

Ampliación do parque infantil da Sagrada Familia. Orzamento 70.000 euros. 
Equipamento do parque infantil da estación de tren. Orzamento: 70.000 euros.

● Distrito 5 (Labañou, Os Rosales, Alfredo Vicenti e Manuel Murguía) 

Reacondicionamiento do “cole azul”, o espazo dedicado ás actividades extraescolares do CEIP Emilia Pardo Bazán. Orzamento: 149.500 euros.

● Distrito 6 (Agra do Orzán, As Conchiñas, Peruleiro e rúa Barcelona) 

Embelecemento do barrio con ampliación de beirarrúas, máis zonas peonís e axardinamento. Orzamento: 150.000 euros

● Distrito 7 (Os Castros, Monelos, Matogrande e Someso)

Patio urbano verde, humanizado e sostible para o CEIP Ramón de la Sagra. Orzamento: 150.000 euros

● Distrito 8 (Palavea, Pedralonga, Eirís e As Xubias)

Camiño seguro ao colexio: Facer un carril peonil na rúa Roma que una o colexio Andaina coa avenida Nova York para poder chegar á parada de bus urbano de forma segura. Orzamento: 70.000 euros.
Creación dunha zona de lecer e ocio na contorna das vivendas de Santa Cristina en Palavea. Orzamento: 150.000 euros.

● Distrito 9 (Elviña, Mesoiro, Novo Mesoiro, A Zapateira e Pocomaco) 

Reparación e asfaltado das pistas e camiños do Lugar de Elviña e Castro de Elviña. Orzamento: 150.000 euros.

● Distrito 10 (O Ventorrillo, Bens, Nostián e Penamoa) 

Renovación completa do patio do CEIP María Barbeito. Orzamento: 150.000 euros.