Ademais, este ano levaranse a cabo dúas homenaxes a Antón de Santiago e Romualdo Irijoa, persoeiros fundamentais na historia e desenvolvemento do Entroido coruñés
A alcaldesa, Inés Rey, detallou hoxe o calendario de actividades, que
abrangue festas de Entroido e actividades infantís nos centros cívicos e
veciñais, e tamén os concertos de Sidonie, Mojinos Escozíos e The Txandals
A Coruña, 7 de febreiro de 2023.- A alcaldesa, Inés Rey, presentou hoxe a programación
das actividades previstas nesta edición do Entroido, que comezará este venres 10 e
estenderase ata o día 25 de febreiro. Serán, en total, dez días de festexos “nos que
renderemos homenaxe á identidade do Entroido coruñés, lembrando a persoas que fixeron
moito por promover esta festa na cidade”.
As actividades específicas de Entroido darán comezo este sábado 11, co concurso de
comparsas na modalidade de música e letra que se celebrará no Palexco, a partir das 18.00
horas. Este ano, inscribíronse sete agrupacións, unha máis que o ano pasado. A comparsa
gañadora será a encargada de interpretar dúas cancións, en directo, no acto de
entronización do Deus Momo, o venres 17.
O día 16, Xoves de Comadres, ás 20.00 horas, terá lugar un acto de homenaxe a Isabel
Zendal, cunha ofrenda floral na estatua situada nos terreos do antigo Hospital de la Caridad,
fronte ao IES Zalaeta. Posteriormente, e a partir das 21.00 horas, darase continuidade a
esta homenaxe na estatua dedicada á Real Expedición no Paseo Marítimo, unha iniciativa
coa que o Concello se suma á conmemoración do 220o aniversario da Real Expedición
Filantrópica da Vacina. “Volvemos a lembrar a figura de Isabel Zendal, fundamental nesta
histórica fazaña, e que en 1950 foi recoñecida pola OMS como a primeira enfermeira da
historia en misión internacional”, apuntou Inés Rey.
A rolda de homenaxes no contexto do Entroido seguirá o venres 17. Este ano, o Concello
lembrará as figuras de Antonio Santiago Álvarez ‘Nito’ e o seu neto, Antón de Santiago,
falecido en xullo de 2022, aos 77 anos. “O seu legado como defensor do Entroido coruñés é
imborrable. Queremos perpetuar a súa lembranza entre a cidadanía, e por iso instalarase
unha placa que lle renderá homenaxe na avenida Pedro Barrié de la Maza”, apuntou a
alcaldesa. O acto terá lugar o día 17, ás 19.30 horas, tras unha homenaxe floral a ‘Nito’.
Ese mesmo día, e a partir das 21.00 horas, terá lugar o acto de entronización do Deus
Momo na contorna do Obelisco.
Os concursos de comparsas e carrozas, na rúa de San Andrés, o sábado 18
O sábado 18, a partir das 17.30 horas, a rúa de San Andrés acollerá o concurso de
comparsas na modalidade de vestiario, coreografía e orixinalidade. Case 1.200 persoas
formarán parte da comitiva de participantes. Haberá comparsas de carácter tradicional, e
tamén outras de nova creación. Hai, en total, 23 comparsas inscritas. Ademais das
agrupacións coruñesas tomarán parte máis comparsas de Cambre, Oleiros, A Laracha,
Arteixo, Culleredo e Tomiño.
Ademais, tamén na rúa de San Andrés, celebrarase o concurso de carrozas, con 14
agrupacións inscritas que buscarán sumarse ao palmarés histórico de carrozas gañadoras.
No ano 2022, a vencedora foi a dos Amigos da Xoldra.
A fin da festa do sábado 18 terá lugar a partir das 21.30 horas, na praza de María Pita, co
concerto de Sidonie, seguido polo Velorio da Sardiña no Circo de Artesáns da rúa de San
Andrés, xa ás 23.15 horas.
A recuperación do partido de fútbol feminino dos Martes de Entroido
A alcaldesa anunciou hoxe que o Martes de Entroido, día 21, abrirase cunha cita moi
especial. O Concello, coa colaboración do Relámpago de Elviña e o Club Eirís Sociedad
Deportiva, remontarase atrás no tempo para lembrar o partido de fútbol feminino que se
disputou o 14 de febreiro de 1961 no antigo campo do Relámpago.
“Alí, aquel martes de Entroido, enfrontáronse equipos femininos, de mulleres casadas e
solteiras, nun contexto festivo”, detallou Inés Rey. “Agora, e tras moitísimos anos sen
celebrarse, recuperamos este partido de fútbol feminino, que disputarán o Relámpago e o
Eirís no campo de fútbol Víctor Fernández Alonso”, agregou a rexedora. Terá lugar o día 21,
desde as 12.00 horas.
Inés Rey destacou que, con esta iniciativa, o Concello busca “avanzar no recoñecemento a
mulleres pioneiras no eido deportivo da nosa cidade, que, como as mulleres que tomaron
parte naquel partido do martes de Entroido e como Irene González Basanta, desafiaron os
estereotipos da súa época”
Romualdo Irijoa, protagonista desta edición no Andar do Entroido
Tamén no Martes do Entroido, o Concello homenaxeará a Romualdo Irijoa, fundador da
comparsa Os Maracos. A figura de Irijoa integrarase, desde este ano, no Andar do Entroido
da rúa da Torre, unha iniciativa posta en marcha polo Goberno de Inés Rey en 2022, como
un paseo da fama á coruñesa, co obxectivo de render homenaxe aos persoeiros máis
relevantes e queridos desta festividade na cidade.
“Romualdo foi, e é, fundamental á hora de promover e implicar á cidadanía e ás institucións
no Entroido coruñés. Fixo e fai moito para que todas as persoas que saen á rúa nestas
datas disfruten como nunca”, abundou a alcaldesa. O acto de homenaxe a Romualdo Irijoa
terá lugar na rúa da Torre, o día 21 (14.30 horas).
Será na previa do concurso infantil de disfraces (17.00 horas) e o concurso infantil de
choqueiros e choqueiras (17.00 horas), que terán lugar no Campo da Leña. A inscrición
abrirase dende unha hora antes de cada concurso, tamén no Campo da Leña. Xa ás 20.00
horas, na confluenza da rúa da Torre con Curros Enríquez, comezará o concurso de
choqueiros e choqueiras, tanto o individual como o grupal. A inscrición poderá realizarse no
acceso principal á Escola Municipal de Música de 19.00 a 20.00 horas.
A recta final do Entroido, entre o mércores 22 e o sábado 25
As derradeiras actividades do Entroido terán lugar entre o mércores 22 e o sábado 25,
último día da programación. Concretamente o mércores 22, desde as 20.30 horas,
celebrarase o tradicional desfile do Enterro da Sardiña ata a praia de San Amaro, onde terá
lugar a desentronización do Deus Momo. O percorrido do desfile iniciarase no Circo de
Artesáns, pasando pola praza de María Pita, o Campo da Leña e a rúa da Torre, antes da
queima do Deus Momo en San Amaro.
Por último, e xa o sábado 25, terá lugar a ruada de comparsas que, desde as 13.00 horas,
percorrerá o Cantón Pequeno, con encontro na praza de María Pita (13.30 horas) e saída
cara a praza de Azcárraga.
Proxección do documental ‘Entroido Cascarilleiro: dende Elviña a Monte Alto’
Entre os días 17 e 21, o Circo de Artesáns abrirá as súas portas a un ciclo de proxeccións
do documental ‘Entroido Cascarilleiro: dende Elviña a Monte Alto’, unha peza audiovisual
dirixida polo coruñés Omar Rabuñal Varela.
A produción do documental foi apoiada polo Concello da Coruña a través da liña de axudas
a creadores locais dos fondos Presco. As proxeccións no Circo de Artesáns terán lugar os
días 17, 18, 19, 20 e 21, sempre as 22.00 horas.
Concertos de balde e actividades infantís nos centros cívicos e veciñais
O Entroido tamén chegará as rúas da Coruña en forma de concertos, con asistencia de
balde. O venres 18, o Ágora acolle o concerto ‘Unha banda de Entroido’, coa Banda
Municipal de Música acompañada por Paula Carballeira como narradora.
Ese mesmo venres 18, e desde as 21.30 horas, actuará Sidonie na praza de María Pita, e
xa o luns 20, tamén en María Pita, será o turno de The Txandals (21.00 horas) e Mojinos
Escozíos (23.00 horas). O Martes de Entroido, día 21, e no contexto dos concursos infantís
de disfraces, actuarán Los Mecánicos no Campo da Leña (17.00 horas).
Ademais, neste Entroido terán lugar festas temáticas e actividades infantís nos centros
cívicos e veciñais dos barrios da cidade. O prazo de inscrición para tomar parte nas
mesmas abrirase este venres, día 10 de febreiro, e as solicitudes das persoas interesadas
poderán tramitarse nas conserxerías de cada centro cívico ou veciñal, no horario de
apertura ao público.
Por outra banda, este martes 7 abriuse o prazo para inscribirse no obradoiro infantil de
Entroido, que achegará esta tradición festiva aos máis pequenos. Inspirándose na herdanza
de peliqueiros, pantallas e cigarróns, a rapazada poderá aprender a técnica de gravado
sobre linóleo. A sesión, que terá unha duración aproximada de hora e media a dúas horas,
comezará o sábado 18 de febreiro, ás 12.00 horas. Ofértanse un total de 20 prazas para
este obradoiro, que será de balde, baixo inscrición previa ata completar a capacidade
prevista. A inscrición pode facerse por vía telefónica, chamando ao número de teléfono 981
189 850, en horario de 10.00 a 19.30 horas.