miércoles, 19 de abril de 2023

Sete mostras fotográficas asolagarán o centro da Coruña coas mil e unha caras do odio da man da rede Acampa pola paz


Dentro do programa do VII Encontro Internacional Acampa pola Paz que se inaugurará o 16 de xuño nos Xardíns de Méndez Núñez 

“Odio ou convivencia” achegará á cidadanía a eses espazos sen lei nos que deambulan ou esperan millóns de seres humanos, ás fronteiras secas e líquidas da vella e bunkerizada Europa, á cuberta do Aquarius, ás rúas de todo o continente nas que crece e exhíbese o fascismo e a extrema dereita, ao masacre do valo de Melilla ou aos sistemas educativos que fan “patriotas” profundando na diferenza entre “nós” e “eles”. Tamén á  realidade dos muxes, o terceiro xénero da cultura zapoteca do sur de México, respectados na súa sociedade que lles adxudica un papel esencial nas familias da comunidade. 

 

Acampa2023 conta coa mirada de fotoperiodistas e fotógrafos documentais de recoñecido prestixio: Jordi Borràs, Javier Bernardo, Óscar Corral, Nuria López Torres, Hanna Jarzabek, Sarah Blesener, e os integrates do Colectivo Ollo. 

 

A Coruña, 19 de abril de2023.- O odio será o fío condutor do Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio que se celebrará na Coruña entre os días 16 e 18 de xuño, alcanzando xa a sétima edición. Un ano máis, os Xardíns de Méndez Núñez converteranse nunha xigantesca sala de exposicións na que colgarán case 200 fotografías de gran formato de fotoperiodistas e fotógrafos documentais de recoñecido prestixio: Jordi Borràs, Javier Bernardo, Óscar Corral, Nuria López Torres, Hanna Jarzabek, Sarah Blesener, ou os integrantes do galego Colectivo Ollo. A cidadanía poderá asomarse, a través das súas miradas, ao que moitas veces prefire non ver, o odio, nos súas mil e unha caras, que medra á vez que mingua o respecto aos Dereitos Humanos e aos demais dereitos, a solidariedade, a empatía… 

 

Óscar Corral e o Colectivo Ollo  expoñen fotografías do que está a acontecer desde hai anos no Mediterráneo Central e na fronteira sur. Con Corral subiremos ao Aquarius, o buque que en 2017 deambulou semanas cheo de persoas refuxiadas exhaustas sen que ningún país lles ofrecese un porto ao que arribar ata que España permitiu o seu desembarco en Valencia. O Colectivo Ollo achéganos á Síndrome da Resignación, dos que esperan alcanzar un presente e un futuro, dos que simplemente reclaman o seu dereito para sobrevivir e a vivir con dignidade. 

 

As imaxes de Javier Bernardo convidarán a ver e a reflexionar sobre a responsabilidade que España ten como país no acontecido no masacre do valo de Melilla en xuño do pasado ano. Decenas de mortos e feridos en chan marroquí e europeo, nun espazo no que saltaron polo aire todos os dereitos, sobre o que ninguén respondeu aínda.  

 

A polaca Hanna Jarzabek achéganos á realidade contraditoria do seu país con dúas mostras, unha na que o público poderá coñecer o que acontece no bosque de Bialowieza, no que miles de persoas escóndense da Garda de Fronteiras, quedando atrapados durante longas tempada, expostos a condicións extremas, falta de auga potable e alimentos. Os habitantes dos pobos próximos acoden de noite a darlles apoio, baixo o risco de ser denunciados e detidos. A outra exposición móstranos os programas do sistema educativo público que adestra ao alumnado como pequenos soldados exacerbando o sentimento patriótico do eu fronte ao outro. 

 

A americana Sarah Blesener confronta na súa exposición “Soldados de xoguete” a formación dos mozos tanto americanos como rusos e como se pervirte a análise. Os americanos se autodefinen como patriotas fronte á súa visión crítica dos rusos, aos que consideran programados nun nacionalismo excluínte. 

 

Jordi Borràs, un dos fotoperiodistas que leva máis tempo documentando o auxe do fascismo e a extrema dereita, obrigará a reflexionar sobre o que acontece en toda Europa, con manifestacións continuas de grupos de ultradereita e coa súa entrada nas institucións de todo o continente fronte a pasividade dos demócratas.  

 

Se a expo de Borràs ten que ver coa cor negra, Nuria López Torres poñerá sen dúbida a cor neste VII Encontro ao achegarnos á realidade dos Muxes, un auténtico terceiro xénero respectado nas comunidades zapotecas do sur de México aos que as familias adxudican un papel esencial no funcionamento desta sociedade.