jueves, 3 de agosto de 2023

David Pintor presenta o seu novo libro, «Tartaruga vs. Lebre, o desquite», na feira do libro da Coruña


Entre as actividades organizadas por KALANDRAKA figura a presenza dos ilustradores Óscar Villán e Kiko Da Silva, que asinarán as súas obras, e un encontro co autor Fernando Pérez Hernando arredor de «Chuvisca»

O autor e ilustrador coruñés David Pintor presentará o seu novo traballo, «Tartaruga vs. Lebre, o desquite», mañá venres a partir das 19:30 horas na Feira do Libro da Coruña, onde estará acompañado polo músico Paco Nogueiras. Trátase dunha divertida e transgresora versión da coñecida fábula na que se descobre a verdadeira razón pola cal a tartaruga lle gaña a carreira ao animal máis veloz do bosque.

Atribuída a Esopo e posteriormente reescrita por La Fontaine ou Samaniego, «A lebre e a tartaruga» é unha historia que na que perseveranza é capaz de vencer a arrogancia. David Pintor xoga con esta narración clásica, propoñendo un desenlace diferente. As ilustracións expresivas e próximas á linguaxe visual do cómic acentúan o sentido do humor deste álbum tan sorprendente.

Humorista gráfico, ilustrador e pintor, David Pintor ten recibido numerosos recoñecementos ao longo da súa traxectoria: os premios Andersen 2015 (Italia) e Nami Island 2013 (Corea), o premio da Society of News Design, o Pura e Dora Vázquez de ilustración, o Premio Internacional Clermont-Ferrand de cadernos de viaxe, o Premio Ilustrador do Ano Città del Sol e o 2o Premio da Feira do Libro de Sharjah (Dubai). Foi finalista dos CJ Picture Book Awards (2011) e figura na lista The White Ravens (2009, 2011 e 2014). Foi seleccionado en varias edicións da Bienal de Bratislava e da Feira Internacional de Boloña.

«CHUVISCA» CON FERNANDO PÉREZ HERNANDO

O autor e ilustrador vallisoletano Fernando Pérez Hernando tamén presentará o seu novo libro, «Chuvisca», este martes día 8 a partir de las 17:30 horas. A actividade, dirixida a nenas e nenos maiores de 3 anos, consistirá nunha sesión de contos a partir deste relato que comeza cun ballón que empapa o fogar dunha familia de aves, cuxos protagonistas aprenden os uns dos outros a partir desa experiencia.

«Chuvisca» tamén propón unha certa metáfora desta sociedade individualista que, dende a solidariedade, a convivencia, a colectividade e a comunicación, pode mellorar. Fernando Pérez Hernando converte as vogais nun recurso para xogar, estimulando a habilidade das lectoras e dos lectores para descifrar palabras e resaltando a importancia destes cinco signos e sons para artellar a nosa linguaxe. O autor crea un xogo fónico que asocia os cinco personaxes do libro con cada unha destas letras.

Formado na Escola de Arte de Valladolid e graduado en Educación Primaria na Facultade de Educación e Traballo Social da mesma cidade, Fernando Pérez Hernando especializouse en álbum ilustrado e gravado. «Chuvisca», que foi finalista nos Premios A de Literatura Infantil 2023, é o seu segundo libro no catálogo de KALANDRAKA, logo de «A escada vermella».

SINATURAS

A participación de KALANDRAKA na Feira do Libro da Coruña continúa esta semana coa presenza do artista Óscar Villán, ilustrador da colección de prelecturas «Do berce á lúa» e de álbums tan senlleiros como «O coelliño branco» ou «A Cebra Camila», entre outros. Asinará as súas obras na caseta da editorial este sábado dende as 19:00 horas.

Por último, o ilustrador e historietista Kiko Da Silva asinará exemplares de libros como «Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis» e «Moncho e a mancha» o domingo a partir das 12:30 horas na caseta da libraría Santos Ochoa.