miércoles, 29 de noviembre de 2023

Maná actuará na Coruña o 27 de xuño do 2024


 O Coliseum será un dos nove recintos españois incluídos na xira ‘México lindo y querido’

A Coruña, 29 de novembro de 2023.- Maná anuncia hoxe as datas españolas da súa xira mundial ‘México lindo y querido tour’ e A Coruña será unha das súas paradas. Un show de máis de dúas horas dedicado a repasar todos as súas cancións máis representativas e que trae de volta á banda ao noso país despois de seis anos. O seu concerto celebrarase o 27 de xuño no Coliseum. As entradas sairán á venda este venres 1 de decembro ás 12.00 horas en Live Nation, Ticketmaster e El Corte Inglés, Ataquilla e o despacho de billetes da praza de Ourense desde 60 euros máis gastos. Haberá unha prevenda a través de Santander SMusic este xoves 30 de novembro ás 10.00 horas.

Considerado o grupo de rock en español máis influente do mundo e un dos nomes latinos máis importantes de todos os tempos, Maná leva case 40 anos transcendendo xeracións coa súa música, tal e como demostra unha vez máis con esta nova xira. Un reencontro coa forza e a maxia dos seus directos e cos seus temas máis icónicos e populares, como ‘Oye mi amor’, ‘Rayando el sol’, ‘Clavado en un bar’, ‘En el muelle de San Blas’, ‘Amor clandestino’, ‘Mariposa traicionera’, ‘Vivir sin aire’ o ‘Labios compartidos’, entre moitos outros.

O Goberno de Inés Rey amosa con esta nova confirmación para a axenda do Coliseum do ano 2024 a súa aposta polos grandes eventos que converten á Coruña no gran referente do noroeste en materia cultural e musical. Maná está actualmente terminando de percorrer EE.UU. e pechará o ano con 38 datas sen entradas, onde se inclúe a súa residencia en Los Ángeles (California), que vendeu máis de 240.000 entradas e esgotou 16 datas. Maná arrincará o 2024 coa súa xira en Latinoamérica, antes de chegar a España, visitando Paraguai, Arxentina, Chile, México, Colombia, Perú, Ecuador e Guatemala.

Maná suma 133 álbums de ouro, 256 de platino, 4 premios GRAMMY, 9 premios GRAMMY Latinos, 26 Billboard Latinos, 15 Premios Lo Nuestro e galardóns especiais como o Premio Billboard Latino á Traxectoria Artística recollido en 2018 e a ICON LATIN BILLBOARD obtido en 2021.