Poderanse facer sardiñadas e churrascadas entre o 14 e o 30 de xuño
A noite do 23 de xuño ampliarase o horario da hostalería en dúas horas e
haberá un servizo especial de autobuses
A Coruña, 14 de maio de 2024.- O Concello da Coruña arrinca a prepación do San Xoán
establecendio a regulación, un ano máis, para as actividades relacionadas coas festas. A
alcaldesa, Inés Rey, fará público esta semana o bando informando das pautas que deberán
seguirse para levar a cabo sardiñadas, churrascadas, barbacoas e similares, así como
fogueiras durante a noite de San Xoán. Tamén inclúe información do servizo especial de
transporte urbano, os cortes de tráfico no paseo marítimo e na contorna das praias de Riazor,
Orzán e Matadoiro, así como a colocación de tres puntos violetas.
O día 23 de xuño estarán permitidas, sen necesidade de comunicación previa a Seguridade
Cidadá, as sardiñadas e churrascadas, sempre e cando non ocupen a calzada nin entorpezan
a circulación de vehículos. Deberanse realizar entre as 13.00 e as 16.00 horas, e entre as
20.00 e as 00.00 horas.
Haberá que cumprir unha serie de medidas de seguridade, como son a distancia entre grellas
ou a elevación do chan. As beirarrúas deberán quedar libres para permitir o paso de peóns e
peoas. As sardiñadas e churrascadas que ocupen a calzada deberán realizar unha
comunicación previa cunha antelación mínima de 48 horas.
Entre o 14 e o 30 de xuño tamén se poderán levar a cabo sardiñadas, churrascadas ou
similares, sempre e cando se remita unha comunicación previa por escrito á Área de
Seguridade Cidadá cun mínimo de 48 horas de antelación.
Fogueiras
Na noite do 23 de xuño estará permitida a realización de fogueiras en espazos de titularidade
pública. Para isto, será necesario presentar unha comunicación previa por escrito á Área de
Seguridade Cidadá. Toda a información ao respecto estará dispoñible en coruna.gal, onde
haberá un modelo de comunicación previa coas normas que cómpre seguir.
O Concello contará un ano máis con madeira para repartir entre a cidadanía na contorna do
Paseo Marítimo, Oza e San Amaro. O seu reparto comezará ás 19.00 e estará permitido
baixala á praia a partir das 19.30 horas do 23 de xuño.
Zonas de exclusión e limitacións nos areais
Por outra banda, o baño nas praias estará prohibido desde o día 23 ás 22.00 até as 9.00
horas do 24 de xuño. Os servizos de emerxencia poderán determinar que unha cacharela
excede a altura permitida por razóns de seguridade. Isto determinarase en función da súa
localización, a distancia con edificios e outros elementos da contorna. Non estará permitido
realizar fogueiras preto de colectores, vehículos e outros elementos. Tampouco estará
permitido o uso de combustibles líquidos nin de acelerantes para prender as fogueiras. Está
prohibido queimar plásticos, cauchos, rodas, colchóns, madeira lacada, goma espuma e
outros obxectos que poidan producir gases tóxicos. Non se permitirá o acceso ás praias con
mobles nin obxectos voluminosos, ou madeira que leve puntas ou cravos.
Nas zonas de exclusión non se poderá prender lume de ningún tipo. Ditas zonas son:
totalidade do trazado do oleoduto, e gasoduto de alta presión, o Parque de Bens incluíndo a
praia de Bens, o Monte de San Pedro, os Xardíns de Méndez Núñez, os Xardíns de San
Carlos, a praza das Bárbaras e a contorna da Torre de Hércules, incluído o merendeiro das
Lapas e a praia da Lapas e as calas dos Mouros e de Durmideiras, sen prexuízo de que os
servizos de Seguridade poidan designar algunha outra zona baseándose en criterios de
protección das persoas e os bens públicos.
Por outra banda, está prohibido trasladar colectores de residuos e cambiar a súa localización
debido aos desaxustes que isto causa na recollida de lixo durante os días posteriores á
celebración. Tampouco estará permitido baixar con vidro ás praias. Estes residuos deberán
depositarse nos puntos habilitados nos accesos aos areais. Non estará permitida a solta de
globos de papel, farois chineses ou similares cuxo medio de ascensión sexa o lume.
As praias deberán estar libres ás 6.00 horas do día 24 de xuño para que comece o operativo
de limpeza. Por outra banda, con carácter xeral, autorizarase a ampliación do horario dos
establecementos de ocio e hostalería en dúas horas. As persoas responsables deberán
presentar unha autorización previa.
Tráfico, seguridade e transporte público
O día 23 de xuño pecharase a circulación no Paseo Marítimo, entre As Escravas e o Aquarium
Finisterrae, a partir das 19.00 horas. Os servizos de seguridade e urxencias restablecerán o
tráfico segundo evolucionen as celebracións. O punto de control de seguridade estará
instalado na Coraza do Orzán e agrupará tanto a servizos municipais (Policía Local,
Bombeiros e Protección Civil) como a Policía Nacional.
Por outra banda, establecerase un dispositivo especial de transporte público, consistente en
oito liñas especiais que comunicarán os barrios coa praza de Pontevedra. Terán cada unha
delas unha frecuencia de 10 minutos ata as 2.30 horas. O servizo nocturno estará operativo
entre as 3.00 e as 6.30 horas cunha frecuencia de 30 minutos. Os tempos son aproximados
e poderían variar en función do tráfico. O obxectivo é conectar todos os barrios da cidade coa
praza de Pontevedra e permitir un desprazamento cómodo e seguro da cidadanía.
Puntos violeta
O Concello da Coruña habilitará un ano máis tres puntos violeta no Paseo Marítimo. Estarán
na zona das Escravas, fronte á Coraza e na fonte dos Surfeiros. Estes puntos son espazos
seguros que lle ofrecen información á cidadanía en xeral e asesoramento e atención
psicolóxica ás adolescentes e mulleres en materia de violencia machista, sobre todo aquelas
relacionadas coa violencia sexual.
Con esta medida, o Concello busca favorecer o goce do San Xoán en condicións de
igualdade. O horario de atención destes espazos será de 22.00 a 4.00 horas do 24 de xuño.