jueves, 13 de junio de 2024

O Atlantic Pride 2024 completa o cartel da súa quinta edición con Nena Daconte, Shego, Morreo e Raúl, entre outras figuras

 

Selena Leo, Eris MacKenzie e Filloas súmanse, tamén, ao programa do ‘Orgullo do Norte’, que celebrará a súa quinta edición do 7 ao 14 de xullo na Coruña impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña, co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic Como novidade neste 2024, nacen as Afterpaties do Atlantic Pride, para que o público poida continuar a festa en salas seleccionadas da cidade unha vez rematados os concertos do festival

O dj’s encargados das pinchadas durante as oito xornadas do Atlantic Pride neste 2024 serán EME DJ, S.Alma, La Suprema, D-Lemma, DJ90, DJ Licho, Roi Porto, La Eterna e DJ Flashback

Na páxina web www.atlanticpride.es é posible consultar o programa por días desta quinta edición do encontro, un evento pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva

A Coruña, 13 de xuño de 2024.- Nena Daconte, Shego, Morreo, Raúl, Selena Leo, Eris MacKenzie e Filloas súmanse ao cartel da quinta edición do Atlantic Pride. Así o presentaron esta mañá en rolda de prensa no Pazo de María Pita a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e os directores do Atlantic Pride, Iván Cervo, César Pérez e Luís Pazos, que estiveron acompañados polo responsable de patrocinios musicais de Estrella Galicia, Juan Martínez Inchausti, e as representantes das empresas patrocinadoras do evento Coruña The Style Outlets -Ainhoa Paz, xerente- e Globalgrafic -Judith Rama, xerente-.

Entre o 7 e o 14 de xullo, A Coruña volverá ser a sede do ‘Orgullo do Norte’ para celebrar a quinta edición do Atlantic Pride. Neste 2024, o festival propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. O festival está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña, co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.

No acto de presentación celebrado esta mañá, o director do Atlantic Pride Iván Cervo fixo un repaso das novidades que lle agardan ao público nesta quinta edición do encontro e desvelou, tamén, o seu programa por días, que pódese consultar na web do festival: www.atlanticpride.es.

A diversión e autenticidade chegarán ao festival coa mestura de tradición, electrónica e verbena do produtor e músico Eris MacKenzie -o domingo 7 de xullo, na Fundación Luis Seoane- e da man do pop urbano en galego de Filloas -o martes 9 de xullo na Praza de Pontevedra-.

Pola súa banda, Morreo destilará hedonismo e xuventude sobre o escenario do Atlantic Pride o luns 8 de xullo na Praza de Pontevedra, para presentar o seu catálogo sinestésico de pop iberoamericano corido e luminoso, cargado de baixos tropicais, referencias castizas e riffs de teclados cañís.

Tras percorrer nos últimos tempos os escenarios de grandes festivais como o BBK, o Sonorama, o Vida ou o Low, Shego aterra no Atlantic Pride o mércores 10 de xullo para facer gala do seu hipnótico carisma xogando con xéneros diversos como o rock, o pop, o punk e o dance. Mentres, a integrante dun dos dúos máis icónicos dos anos 2000, Selena Leo, visitará o Atlantic Pride o xoves 11 de xullo, nos Xardíns de Méndez Núñez, disposta a que o público poida ‘bailar toda a noite’ coa súa fusión latina e a súa viaxe musical aos anos 90 e os 2000.

O venres 12 de xullo, Nena Daconte presentará en directo o seu último disco, Casi Perfecto, co que reivindica o seu pasado máis pop-rock en temas en torno ao amor, o desamor, a soidade e o paso do tempo. Finalmente, Raúl, gañador do Premio Latino de Oro á súa traxectoria musical, ofrecerá na Coruña -o domingo 14 de xullo, nos Xardíns de Méndez Núñez- un directo no que non faltarán os seus grandes éxitos dos 2000, como Sueño su boca, Baila ou Prohibida.

Como novidade neste 2024, nacen as Afterpaties do Atlantic Pride, para que o público poida continuar a festa en salas seleccionadas da cidade unha vez rematados os concertos ao aire libre do festival. Moi pronto daranse a coñecer todos os detalles destas novas “sesións golfas” do festival.

Xunto aos novos nomes desvelados esta mañá -Nena Daconte, Shego, Morreo, Raúl, Selena Leo, Eris MacKenzie e Filloas-, no Atlantic Pride 2024 está tamén confirmada a presencia das estrelas eurovisivas Nebulossa, Rosa López, Las Ketchup e Lucía Pérez, xunto a figuras que pisan forte na nova escena galega, como Mondra, Sila Lúa, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo. Na festa deste ‘Orgullo do Norte’ non faltarán, tampouco, as voces de grandes divas como Chanel, Luna Ki e Supremme de Luxe, ademais das drags Nomi Bull, Cloe Savage e Meiga-I.

O grupo Vengaboys será o encargado de poñer o acento internacional a este Atlantic Pride 2024, mentres que as pinchadas correrán a cargo dos dj’s EME DJ, S.Alma, La Suprema, D-Lemma, DJ90, DJ Licho, Roi Porto, La Eterna e DJ Flashback. O festival contará, tamén, coa actuación especial do Coro “Cores”. Na páxina web oficial www.atlanticpride.es é posible consultar todos os detalles e a información práctica desta quinta edición do festival.

PROGRAMA POR DÍAS DO ATLANTIC PRIDE 2024

Domingo, 7 de xullo
Fundación Luis Seoane
(20.00 a 00.00h)
Eris MacKenzie
Supremme Deluxe
EME DJ

Luns, 8 de xullo
Praza de Pontevedra
(20.00 a 00.30h)
O Rabelo e Nenaza
Meiga-I
Morreo
S.Alma

Martes, 9 de xullo
Praza de Pontevedra
(20.00 a 00.30h)
Filloas
Cloe Savage
Lontreira
La Suprema

Mércores, 10 de xullo
Praza de Pontevedra
(20.00 a 00.30h)
Catuxa Salom
Nomi Bull
Shego
D-Lemma

Xoves, 11 de xullo
Xardíns de Méndez Núñez
(20.00 a 01.20h)
Amoebo
Selena Leo
Vengaboys
DJ 90

Venres, 12 de xullo
Xardíns de Méndez Núñez
(20.30 a 02.20h)
Dj Licho
Sila Lua
Nena Daconte
Luna Ki
Roi Porto

Sábado, 13 de xullo
Xardíns de Méndez Núñez
(20.30 a 02.20h)
Mondra
Nebulossa
Chanel
La Eterna

Domingo, 14 de xullo
Xardíns de Méndez Núñez
(20.30 a 00.20h)
Coro ‘Cores’
Lucía Pérez
Las Ketchup
Raúl
Rosa López
DJ Flashback

NOVOS NOMES CONFIRMADOS NO ATLANTIC PRIDE 2024

Eris MacKenzie

Eris MacKenzie é o proxecto en solitario do produtor galego Carlos Eirís. A súa música é una viaxe ao interior, coa que calquera pode sentirse identificado. A través da electrónica máis pura, as muiñeiras, os alalás ou o mambo, o artista narra as experiencias que lle marcaron. Das máis felices ao problemas mentais. Eris MacKenzie chegará ao Atlantic Pride disposto a mover tarimas cunha proposta chea de frescura que mestura tradición, electrónica e verbena.

Filloas

Filloas é un artista de pop urbano en galego que che ven a traer unha música coa que non pararás de bailar e moverte. O seu estilo basease na autenticidade das letras, que se mesturan con ritmos clásicos como o punk e outros máis modernos como o hyperpop ou o trap. A súa música é un reflexo da súa vida e das súas experiencias e sentimentos máis profundos, pero sempre buscando o sorriso e transmitindo unha mensaxe positiva. O seu son as letras persoais e xeracionais e as referencias á cultura pop e internet. O seu directo promete música actual, auténtica e divertida en galego.

Morreo

Morreo iniciaban a súa andaina musical e sentimental en 2019 tras coñecerse nunha cita de Tinder. En pandemia compuxeron os 11 temas de Fiesta Nacional, un debut co que se fixeron un oco en medios como El País, RTVE ou Jenesaispop e visitaron festivais como o Low ou o Contempopránea. Alzáronse co prestixioso Premio Rock Villa de Madrid e foron seleccionados para actuar na canle de YouTube dos Grammy. Con dous discos ás súas costas, pódese dicir que Morreo reinventouse co seu novo álbum, Alegría (2023), un espertar da xuventude e o hedonismo, cargado de baixos tropicais, referencias castizas e riffs de teclados cañís. Pero, tamén, sons lo-fi románticos, rumbas disco, samples e letras cheas de costumismo e alegría. Un catálogo de pop iberoamericano corido e luminoso.

Shego

Premio MIN á mellor artista emerxente 2023, Shego (Maite, Raquel e Charlotte) xurde da idea punk da creatividade máis primaria e atrevida. En xuño de 2021 lanza o seu primeiro EP, Tantos chicos malos y tan poco tiempo, onde as artistas amósanse cómodas no ecléctico e capaces de xugar con xéneros como o rock, o pop, o punk e o dance, sen necesidade de aferrarse a ninguén deles en concreto. Trala boa acollida deste primeiro traballo, Shego colaborou con figuras como Zahara e Natalia Lacunza e tocou en escenarios como o BBK, o Sonorama, o Vida ou o Low Festival. É nos seus directos onde se descubre o verdadeiro carisma da troupe e a súa enorme complicidade co público. En febreiro de 2023, Shego presenta o seu primeiro LP, Suerte, chica, co que pisan forte e continúan gozando da ambivalencia e a frescura.

Selena Leo

Bailarina de rock acrobático, adestradora de cheerleading, coreógrafa, locutora, reporteira, bailarina e cantante, o currículo de Selena Leo está cheo de éxitos en diferentes ámbitos artísticos. Tras gañar o Campionato de España de Salsa e Merengue aos 18 anos, fórmase no Ballet Nacional de Cuba e comeza a traballar para artistas como Enrique Iglesias, Celia Cruz ou Ricky Martin. Aos 25 anos grava o seu primeiro disco co dúo Sonia e Selena, converténdose en toda unha icona a comezos dos 2000, da man de hits como Yo quiero bailar. En 2002 disolvese o grupo e Selena Leo continúa en solitario a súa carreira, publicando novos temas, como Baila mi son ou Chaladura de amor, e xirando con éxito por Estados Unidos e Latinoamérica. Selena Leo foi a intérprete da canción oficial de Gran Hermano dous anos consecutivos. En 2011 reúnese de novo con Sonia Mádoc para gravar o remix de Yo quiero bailar, como regalo para os seus fans dez anos despois do seu lanamento. Desde 2017, a artista percorre escenarios de toda a xeografía española en tours “remembers”, en divertidas viaxes musicais aos anos 90 e os 2000. Nos últimos anos, publica novos traballos de fusión latina que amosan toda a súa esencia, como Loca, Sigue mi ritmo e Sigue mi ritmo remix, colabora cos dj’s Dream Team (Quique Tejada, Jose Maria Castell e Toni Peret) e lanza Yo quiero bailar 20 aniversario. Con Selena Leo o público poderá bailar, sen dúbida, toda a noite!

Nena Daconte

Mai recupera en Casi Perfecto, o seu sexto álbum de estudio, a esencia dos seus comezos: volve ao son e á estética dos seus primeiros discos, con dez novas cancións que xiran en torno ao amor, o desamor, a soidade e o paso do tempo. Son cancións compostas novamente por Mai, excepto El verano, que é unha adaptación dun poema do cantautor Marwan. Producidas todas elas por Dani Alcover, teñen un son pop rock dos 90. É Casi perfecto... como a vida, como o amor… Pero, quen quere ser perfecto? Mai, Nena Daconte, medrou cos referentes musicais dos seus irmáns maiores: The Beatles, The Byrds, The Who, REM, Nacha Pop, Elvis Costello, Los Secretos… A música atrapouna. Máis tarde, na adolescencia, montou unha banda de pop rock coa que tocaba versións de Led Zeppelin, Radiohead ou The Cranberries, xunto con cancións propias por bares de Malasaña, en Madrid, como Al Lab’Oratorio. Tras participar na segunda edición do programa televisivo Operación Triunfo, fundou Nena Daconte, marca coa que autoeditou o seu primeiro disco e coa que coñeceu o éxito grazas a temas como Idiota, En qué estrella estará ou Tenía tanto que darte, compostos pola propia artista, en torno á idea da soidade, a obsesión pola búsqueda do amor ou a perda da ilusión polo paso do tempo. Tras numerosos premios e máis de 400 concertos percorrendo a xeografía española e cidades como París ou Berlín, Nena Daconte apartouse da música ata 2022, ano no que regresa cun novo traballo discográfico, Casi Perfecto, para reivindicar o seu pasado máis pop-rock da man do selo independente Subterfuge.

Raúl

Estrela indiscutible dos anos 2000, Raúl conta con seis discos no mercado: Sueño su boca (2000), Haciendo trampas (2001), As de corazones (2003), Ya no es ayer (2005), Una vida (2007) e Contramarea (2011), ademais da gravación da banda sonora da película Spirit, el corcel indomable. Entre os seus galardóns destacan o Premio da Música ao Artista Revelación, o Premio da Prensa de Viña del Mar de Chile, a nominación finalista do Premio Amigo e o Premio Latino de Oro á súa traxectoria musical. Cun millón oitocentos mil discos vendidos en España e Portugal, os seus álbumes publicáronse, tamén, en México, Porto Rico, Chile, Arxentina, Bolivia, Estados Unidos, Alemaña, Bélxica, Romanía… Raúl conta con máis de 300 concertos realizados, ademais de haber participado nos grandes musicais da nosa televisión. No seu directo no Atlantic Pride este verán non faltarán algúns dos seus grandes éxitos, como Sueño su boca, Baila ou Prohibida.