A banda muradá actuará no Coliseum da Coruña o 22 de marzo e no pavillón
da Magdalena, en Avilés, o 26 de abril; e as entradas sairán á venda o 13 de xuño
Muros, 11 de xuño de 2024.- The Rapants será unha das bandas de apertura dos
concertos da nova xira de La Raíz, que regresa aos escenarios logo de seis anos de
ausencia. Os muradáns acompañarán ao grupo liderado por Pablo Sánchez nos concertos
que os valenciáns ofrecerán no 2025, coincidindo co 20 aniversario do nacemento da
formación. Concretamente, os rapantes levarán La máquina del buen rollo aos directos que
La Raíz dará o 22 marzo na Coruña (Coliseum) e o 26 de abril en Avilés (pavillón da
Magdalena). As entradas sairán á venda este xoves, 13 de xuño, a partir das 10.00 am, nas
plataformas Enterticket e Ataquilla.com.
The Rapants suma así dúas novas citas no seu tour, que comezou esta primavera cun
dobre ‘sold out’ na Sala Capitol (23 e 24 de marzo, cuxas entradas se esgotaron en
cuestión de minutos) e co que visitaron o Náutico de San Vicente (O Grove), o festival
Terraceo de Vigo ou mesmo La Sala do WiZink Center de Madrid, na que se coroaron
como gañadores do certame Último acorde x Johnnie Walker celebrado o 26 de abril.
Tras actuar o pasado mes de maio en citas como o Ourensound ou o Festival de Cans, este
sábado 15 os rapantes retoman a xira de presentación do seu novo LP, La máquina del
buen rollo. A cita será no festival pontevedrés Surfing The Lérez, no que actuarán a partir
das 13.30 horas no Escenario Sala Karma. Proximamente os rapantes visitarán localidades
como A Estrada (Festas de San Paio, 25 de xuño) ou Carballo (Festas de San Xoán, 28 de
xuño) e, a partir do mes de xullo, serán parte do cartel de citas como Portámerica, Festas
do Albariño, SonRías Baixas, Osa do Mar ou Revenidas, entre outras por anunciar.