POUCAS LUCES NO CONCEPCIÓN ARENAL
Luns, 16 de setembro de 2024.
Chega setembro e todos os centros educativos da cidade da Coruña prenden as súas luces
para dar a benvida ao alumnado, pero todos os centros? Non, hai un deles que non pode
facer isto porque simplemente non ten as luces requeridas.
No CEIP Concepción Arenal, situado no coruñés barrio de Catro Camiños, estamos a vivir
unha situación propia doutros tempos, onde o progresivo deterioro das lámpadas de barras
fluorescentes estanos a deixar literalmente ás escuras.
Escribo esta carta como titor de 1oA, onde dun total de 12 barras fluorescentes só funcionan
4. Esta situación está a producir que este alumnado de 5 e 6 anos teña que estar en
luscofusco durante cinco horas diarias, mentres aprende a ler e a escribir. Durante as
primeiras horas da mañá, a falta de luz impide calquera actividade que supoña traballar co
papel, a mediodía a intensidade da luz e da calor provoca que teñamos que baixar as
persianas, voltando por tanto á escuridade inicial.
Dende o centro trasladouse esta problemática ao concello -o responsable último das
instalacións do centro-, en múltiples ocasións e en diverso xeito, pero non houbo solución. A
nosa paciencia chegou a un límite. Rogamos o cambio dos fluorescentes fundidos, non só
da miña aula, se non do resto do centro que padece esta situación. Así mesmo, convido
tanto ao concelleiro de educación, coma a calquera persoa interesada en que asista á miña
aula ás 9:00 para ver, se a luz llo permite, a situación na que nos atopamos.
Manuel G. Crespo, un mestre sen moitas luces.
-----------------
*Actualización (17/09/2024; 11h50): Escríbeme de novo para informar que xa están esta mañá traballando nas luces do CEIP Concepción Arenal 👏