martes, 17 de septiembre de 2024

Estrea de Tolóptica da compañía de teatro Código Azul


A compañía de teatro emerxente Código Azul segue a súa andaina coa representación da súa primeira produción, Tolóptica, que terá lugar o sábado 21 de setembro, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano de A Coruña. Tras un exitoso debut, a equipa artística e técnica trae de novo ao escenario a obra do dramaturgo Ismael Gil Candal, continuando así unha xira que promete ilusión, talento e paixón pola profesión.

TOLÓPTICA

"Hai algo máis importante ca familia, os amigos ou o amor? Si, e iso é o traballo. Cando o reloxo nunca se detén, pero a vida si."

No congreso anual de vendedores de primeira de Tolóptica, Leo atopase atrapado nun palco superior. Outro rapaz aparece sen seguir os códigos da convención, tentando subirlle os ánimos. Mentres tanto, unha excéntrica presentadora mantén ao público entretido, pero o éxito do congreso non é o que parece...

Con este leitmotiv, Tolóptica explora a percepción contemporánea do traballo como elemento central na sociedade, e como pode chegar a deformar o noso concepto de identidade e realidade. A obra convida ao público a reflexionar sobre as demandas da competitividade, a autoexixencia e a hiperactividade, e os seus efectos na saúde psicolóxica, física e ideolóxica.

A proposta escénica de Código Azul, con humor e unha visión crítica, achega unha análise profunda das dinámicas laborais e das súas consecuencias persoais e sociais. Benvidos ao mundo dos workaholics.

FICHA TÉCNICA

Intérpretes: Martín Espantoso, Marcos Fernández, Yoli Lorenzo
Dirección: Xosé Leis
Dramaturxia: Ismael Gil Candal
Dirección de arte: Naila Rodsúa
Produción: Martín Espantoso
Agradecementos: Belén Senín

A COMPAÑÍA – CÓDIGO AZUL

Fundada en 2024 por Martín Espantoso, Código Azul nace na Coruña coa intención de dar visibilidade ás novas xeracións de artistas galegos. A compañía destaca pola súa vontade de ofrecer unha plataforma cultural que aborda problemáticas sociais contemporáneas dende unha perspectiva crítica e irónica. A través do teatro, Código Azul propón unha reflexión sobre valores como a igualdade, a xustiza e a inclusividade, mantendo sempre un compromiso coa verdade e a didáctica.

PREZO: 9,00 € 

Carné Xove, maiores 65 anos e persoas desempregadas: 7,00 € 

** Para que se apliquen os descontos é imprescindible presentar o documento que o acredite no momento de mercar a entrada e no acceso ao lugar onde terá lugar o espectáculo.