viernes, 31 de julio de 2020

Borja Quiza, Luar na Lubre ou Sés protagonizan as festas de María Pita nun ano marcado polas medidas de seguridade






Para asistir aos espectáculos, poderase reservar até dúas localidades por persoa a través de https://corunacultura.sacatuentrada.es/. As entradas, que serán nominais, estarán dispoñibles dous días antes da cita, desde as 10.00 horas

A Coruña, 31 de xullo de 2020.- 

O concelleiro Juan Ignacio Borrego presentou este mediodía o programa de festas de María Pita, que darán comezo mañá coa actuación dentro das “Noites de María Pita” do barítono coruñés Borja Quiza, ás 22.00 horas. O edil agradeceulles a súa presenza ao propio Quiza, que acudiu á presentación xunto con Bieito Romero, de Luar na Lubre, que estarán o domingo á mesma hora, e a Olga Kirk, que participará este luns no Parque Europa co espectáculo “Coas miñas mans”, de Pablo Díaz no ciclo “Cascarillarte”, dirixido ao público familiar: “Elas e eles son, sen dúbida, a razón pola que organizamos estas festas”, sinalou Borrego.

Os tres creadores forman parte dun cartel 100% galego en que a cidadanía terá a oportunidade de se reencontrar co directo e cos seus artistas favoritos e “cremos que non hai nada máis terapéutico que a música e a interpretación para un ano tan raro coma este”. O concelleiro realizou un chamado á veciñanza porque debemos “responder todas e todos con responsabilidade. Pola nosa parte, coidaremos de que os eventos se realicen seguindo estritas medidas de seguridade”.

Serán un total 49 eventos desde mañá até o domingo 9, entre os que haberá 22 actuacións musicais, 10 espectáculos de Cascarillarte e unha da Banda Municipal mais as 16 citas programadas dentro do Festival Noroeste Estrella Galicia: “Desde o estilo senlleiro da nosa Sés ás raíces que tantos anos levan aloumiñando os de Luar na Lubre pasando polas corais e grupos como Hot Chocolates ou Dequenvessendo, o público terá onde escoller, pero todos os espectáculos terán o denominador común de seren do país”, nunha posta en escena que se repartirá entre a praza de María Pita, o Parque de Santa Margarida, o Parque Europa e o Parque de Eirís.

O programa será simultáneo desde o luns até o domingo coas tres primeiras xornadas dedicadas a bandas locais e galegas dentro de “Música ao vivo” e ás montaxes incluídas en Cascarillarte para pasar a unha cuarta entrega, a do xoves, protagonizada por agrupacións culturais e corais. Por último, o Festival Noroeste Estrella Galicia celebrarase de venres a domingo, combinado con outros espectáculos infantís e musicais.

Os eventos serán todos gratuítos, pero para evitar aglomeracións e que se cumpra coa capacidade máxima permitida, será necesario reservar entrada a través de https://corunacultura.sacatuentrada.es/.

En cada operación poderanse reservar un máximo de dúas localidades que serán nominais. As entradas estarán dispoñibles dous días antes da cita desde as 10.00 horas. A reserva dos tickets para este sábado e domingo poderase formalizar desde as 16.00 horas desta tarde.

Canto ás medidas de seguridade, os asentos estarán separados cunha distancia de 1,5 metros. Borrego pediulle ao público que non se presente se ten síntomas que poidan seren compatibles coa Covid-19 e tamén que as e os espectadores estean 30 minutos antes de cada actuación. Haberá xel hidroalcólico no acceso aos recintos e desinfectarase todo o mobiliario entre montaxe e montaxe: “O que temos moi claro é que suspenderemos os eventos se a situación supón un risco para poboación”. Pola súa parte, os tres artistas agradecéronlle ao concello a valentía de sacar adiante un programa de festas co fin de apoiar a escena local e contentar a un público que necesita da cultura como ben se comprobou durante o estado de alarma.

O concello lanza a aplicación móbil BiciCoruña que permite retirar as bicicletas sen que sexa necesario utilizar a tarxeta



A app, que permite saber en todo momento cal é a estación máis próxima e, mediante un código de cores, o seu estado de ocupación, está dispoñible para Android e IOS

A Coruña, 31 de xullo de 2020- 

O concello, a través de EMVSA, acaba de pór en funcionamento unha aplicación móbil que lles permite ás persoas usuarias retiraren a bicicleta sen necesidade de introduciren a tarxeta de usuaria, o que evita o contacto físico cos lectores das estacións aparca-bicicletas. Ademais, esta aplicación permite coñecer en todo momento a estación máis próxima e, a través dun código de cores, e saber o seu estado de ocupación.

A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que esta iniciativa forma parte das medidas adoptadas por EMVSA para mellorar o servizo de BiciCoruña nas circunstancias sanitarias actuais.

Ademais de retirar a bicicleta, a app permítelles ás persoas usuarias comprobaren, en tempo real, o número de bicicletas e postos de estacionamento libres e dispoñibles que hai en cada estación. Así, poderán ir á estación máis próxima e solicitar “Retirar bici”, escoller a que queiran e confirmar ao instante a operación. Ao devolver a bicicleta, non terán que facer nada na app, tan só deben comprobar que se colocou correctamente no seu lugar.

Na aplicación, cada estación identificarase con dous símbolos, o dunha bicicleta e un P(postos de ancoraxe libres). Se nunha estación aparecen os dous símbolos en cor verde significa que están dispoñibles, cando menos, 4 bicicletas e 4 puntos de estacionamento. Se algún dos símbolos estiver en cor amarela ou laranxa, implicará, respectivamente, que quedan menos de 4 bicicletas libres e menos de 4 postos para deixar a bici. Para poder utilizar a app, só cómpre descargala e aceptar os permisos correspondentes. É compatible con Android, a partir da versión SDK18- Android 4.3 e tamén con IOS, a partir da versión 8.0.

O nome da persoa usuaria e o contrasinal para acceder á aplicación é o mesmo que o que a persoa escolleu cando se deu de alta no servizo. Caso de non os lembrar, poderá solicitar un novo contrasinal ou recuperalo en contacto@bicicoruna.es Para calquera dúbida, os teléfonos gratuítos de atención á clientela son: 981 910 460 e 900 814 440.

jueves, 30 de julio de 2020

Borrego destaca a unión do sector para facer posible a 49 edición da Feira do Libro


Programa da Feira do Libro:







O programa este ano prescinde de presentacións pero contará con máis dun cento de sinaturas até o día 10, para o que se seguirá un protocolo estrito, co fin de garantir a máxima seguridade entre as autoras e autores e o público

A Coruña, 30 de xullo de 2020.- 
O concelleiro Juan Ignacio Borrego presentou esta tarde a 49 edición da Feira do Libro da Coruña, que se inaugurará o sábado, ás 12.30 horas, nos Xardíns de Méndez Núñez. O edil explicou que haberá 16 expositores, ocupados por catro editoriais e 12 librarías, que ofrecerán as novidades literarias até o 10 de agosto nunha entrega, en que se suprimirán as presentacións, dada a situación actual. Pola contra, haberá 107 sinaturas de escritoras/es do país, para o que se seguirá un protocolo estrito establecido pola Consellería de Sanidade, co fin de garantir a máxima seguridade entre as/os autoras/es e o público.

Borrego sinalou que a realización do evento vén da unión dun sector que realizou todos os esforzos posibles para que for unha realidade: “Tamén confirma que as institucións somos conscientes de que a cultura necesita o maior dos impulsos. Todas/os sabemos que un pobo sen cultura é un pobo sen identidade”. Por iso, o concelleiro falou da importancia de reactivar a industria cultural e darlles visibilidade a todas esas historias que quedaron sen seren compartidas ao longo destes meses.

O edil animou a todas as coruñesas e coruñeses a daren unha volta pola feira, que este ano cambia a súa localización ao Cantón Pequeno para favorecer a distancia social, con tres casetas reservadas para sinaturas: “O sábado unha representación do sector chega aquí con toda a súa colección de volumes para manter viva esa relación tan bonita que hai entre as/os libreiros e as/os lectores, “para que entre todas e todos poidamos darlle un empurrón ao sector que nunca falla a súa cita na Coruña”.

Á rolda de prensa, asistiron tamén Nani Regueira, coordinadora da Federación de Libreiros de Galicia; o deputado Xurxo Couto; e o xefe territorial da Xunta na Coruña, Severino Álvarez.

Regueira manifestou que a forma de visitar a feira estará perfectamente sinalizada para que as persoas asistentes sigan unha única dirección e non entorpezan o paso. Nas sinaturas, as e os visitantes agardarán a súa vez e atenderase unha quenda por vez, dun máximo de catro persoas: “Queremos que sexa un evento seguro para todas e todos”, afirmou Regueira, que destacou a boa coordinación entre as tres administracións públicas.

Actívase o protocolo de Sanidade por un traballador do centro cívico de Monte Alto



O edificio estará pechado até o luns para realizar labores de desinfección e o resto do persoal que estivo en contacto con el permanece illado na casa gardando corentena por precaución

A Coruña, 30 de xullo de 2020.- 

O empregado dunha empresa de servizos contratada polo concello e que traballa no centro cívico de Monte Alto deu positivo nas probas que lle realizaron da Covid-19, tras os labores de rastreo da Consellería de Sanidade en que comprobaron que contactou o venres pola tarde cunha persoa infectada polo virus. O traballador foi avisado polo Sergas o luns pola tarde e inmediatamente illaron ao persoal do centro que puido estar próximo a el para evitar riscos. Desde o centro cívico, confirman que o positivo non circulou pola parte das aulas dedicadas a actividades infantís, pero que, en todo caso, o espazo quedou pechado completamente ao público desde primeira hora desta mañá e até o luns para desinfectalo, agás o comedor, que ten unha entrada independente e que estivo aberto este mediodía para darlles o almorzo ás persoas usuarias.

Aínda que non é necesario limpar esta estancia, farase igualmente xunto co resto de edificio co fin de garantir a máxima seguridade. Deste xeito, as e os demantantes leváronse a comida de mañá nun envase e o sábado poderán volver ao centro por ela tras a súa desinfección. Ademais, as e os traballadores que estiveron en contacto co positivo están en corentena nas súas casas, agardando os resultados das probas.  

Por outra parte, estanse investigando outros dous posibles positivos por coronavirus: un é traballador do matadoiro municipal Carnicosa e unha segunda é usuaria do Pavillón dos Deportes de Riazor. A instalación paralizou a súa actividade e foi desinfectada.

Nota de prensa da ASOCIACIÓN VECIÑAL DE EIRÍS “UXÍO CARRÉ”: Cambios no rueiro en Eirís




Esta maña o Pleno do Concello da Coruña aprobou o nome de varias rúas para o Polígono de Xuxán, ata agora mal chamado Ofimático.

A proposta apróbase por maioría, e sen que ningún dos grupos falase en ningún momento coa veciñanza nin con esta asociación veciñal, que levaba anos tentando ser escoitada.

Tras anos facendo propostas, entre elas o nome de Xuxán para o novo polígono, presentamos por escrito unha proposta hai máis dun ano, que o goberno anterior (e o actual) viron en Xunta de Goberno a finais de xuño de 2019. Parece que o que sí se tivo en conta foi un informe da Real Academia da Língua Galega, que coincidía segundo parece coa nosa proposta do nome de Xuxán. Informe que tamén descoñecemos. A nosa proposta, ante a falta de resposta, reenviouse por mail e entregouse de novo a semana pasada en man a quen eventualmente era responsable da área, o Concelleiro Sr. Borrego, que o ía revisar.

O Concello da Coruña segue ignorando á xente nas súas tomas de decisións. Non escoita á veciñanza nin ás asociacións veciñais nin siquera para poñer de novo nome ás rúas que xa o tiñan antes de que as excabadoras derribaran parte do barrio de Eirís.

Así chegamos a ter outra vez nomes duplicados e fóra do seu lugar real. E é que en Eirís hai moitos anos que dá medo pedir que poñan unha placa co nome da rúa (que en moitas das rúas non hai) porque o resultado final soe ser que cambien o nome da rúa, como se se pensase que a xente que vive nela non tiña un enderezo... O que non hai é placa!!

Temos a rúa Casanova de Eirís no Castrillón, e a quen vivía en Casanova de Eirís resulta que vive agora en Eirís de Arriba. Quen vivía na Calexa vive tamén en Eirís de Arriba porque a Calexa agora está máis abaixo (nunha rúa que nada ten que ver con unha calexa...) e poderiamos seguir así ata a Avenida de Nueva York no veciño barrio da Zapateira... Hai xente que leva máis de 60 anos vivindo na Canteira de Eirís, que é un núcleo de rúas de edificios altos, ben identificables, e onde a rúa do medio chámase Rúa Canteira de Eirís.

Agora van ver como lles cambian o nome da súa rúa para darllo a outra??

Duplicamos nomes facendo que se perdan outros: As Peladas, Fonte Dos Caños (que case nos deixan sen fonte tamén, unha fonte antiga, de pedra e catalogada), Praza do Campo, Fonte Marusca ...

Temos xa unha rúa que leva o nome do noso ilustre escritor e mestre “Uxío Carré”, pero perdemos a oportunidade de homenaxear a un veciño escritor e xornalista, Xosé Lesta Meis, que naceu e viviu en Eirís de Abaixo, na baixada ó Río de Xuxán.

Eses lugares existían e tiñan nome antes de que as escavadoras derrubasen as casas da veciñanza, e deberan manterse para as novas veciñas e veciños.

O respecto e a sensibilidade que ten este Concello e toda a corporación pola historia do barrio, pola súa toponimia e pola xente de Eirís, pola que foi desaloxada en nome da especulación urbanística, e pola que o viviu quedou patente de novo hoxe, xa que seguen tomando decisións por Eirís pero sen contar con Eirís!!!

martes, 28 de julio de 2020

Comunicado oficial do Concello da Coruña sobre as festas de María Pita

A Coruña, 28 de xullo de 2020

Despois de analizar a situación epidemiolóxica actual ocasionada pola pandemia da COVID-19 na cidade, e de contrastar os datos coa Consellería de Sanidade, o Goberno local decide reducir as festas da cidade un 75%.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, determinou xunto ao resto do executivo ofrecer uns festexos de María Pita “reducidos e acordes” á realidade actual. Un dos obxectivos fundamentais é presentar unha programación cultural absolutamente local e galega co fin de axudar a mitigar o dano causado pola pandemia na industria cultural coruñesa.

Neste senso, todos os grupos, agrupacións ou compañías serán exclusivamente coruñeses e galegos.

En todos os eventos levarase a cabo un protocolo COVID de cara a garantir a total seguridade das e dos artistas e mais do público asistente, aínda que no caso de que exista o mínimo risco para a saúde da poboación, optarase por suspender as actividades previstas.

A Feira do Libro, o salón Viñetas desde o Atlántico e a feira Mostrart de artesanía manteranse xa que cumpren coas premisas de seguridade recomendadas pola Consellería de Sanidade.

Todos os eventos realizaranse ao aire libre seguindo o consello das autoridades sanitarias.

Co fin de reforzar o protocolo de seguridade montaranse varios escenarios que facilitarán a correcta distancia social entre as e os espectadores. 

Haberá unha capacidade máxima para cada unha das citas programadas de 400 persoas que deberán reservar a súa localidade de forma gratuíta a través dunha plataforma electrónica, a cal se anunciará o máis cedo posible.

Os eventos culturais comezarán o vindeiro sábado día 1 de agosto e finalizarán o domingo 9 de agosto.

Non haberá pregón co obxecto de evitar aglomeracións indesexadas.

O Festival Noroeste terá unha duración de tres días (7, 8 e 9 de agosto), e o cartel estará formado integramente por grupos locais e galegos.

sábado, 25 de julio de 2020

Sada celebrará unha reducida Feira Modernista arredor dun picnic popular







A incidencia da pandemia COVID-19 obriga a reducir a unha xornada a celebración dunha Feira que remenora estampas de xusto fai un século onde tamén padeceron a gran pandemia da gripe mundial que finou en 1920.

A Feira Modernista terá lugar o domingo 2 de agosto e realizarase arredor dun picnic popular no que predominarán as medidas de seguridade e distanciamento social para evitar a propagación do virus, con aforos controlados, pero sen deixar de lado os aspectos lúdicos e culturais que farán revivir o espírito dun tempo pasado.

Sada, 24 xullo 2020.

A principios do seculo pasado en plena época modernista, o brote do virus Influenza deu paso á pandemia máis devastadora da historia humana que finalizou en 1920, dando paso aos felices 20. Cen anos despois outro virus, o Covid-19, ven de reducir a celebración desta festa de recuperación da alegría Modernista, que se fai en Sada desde hai nove anos, a un só día e con todas as medidas de seguridade e distanciamento social.

As actividades programadas comezarán o domingo ás 13:00h. cos bailes itinerantes da Escola de Danza Carmen López e o seu “Modernismo en danza” seguido da “Gramola dos irmáns Pizárraga”, dous irmáns galegos emigrados ás américas que reuniron discos de pizarra e gramófonos, con pezas musicais datadas dende o 1887 ata a primeira parte do s. XX., dunha variedade de estilos musicais e países de procedencia.

Na Feira Modernista non pode xa faltar unha das señas de identidade das edicións anteriores, o PicNic Popular. Un convite a compartir no xardín para celebrar unha comida “campestre”, lucindo a mellor creatividade na nosa indumentaria da época.

Por mor do impacto da pandemia que nos afecta o espazo dos xardíns deberá delimitarse para respectar as distancias entre os grupos de comensais. Cada grupo poderá levar mantas ou mesas e cadeiras pero deberán realizar unha reserva previa de espazo a través das canles que o Concello de Sada anunciará nos vindeiros días.

Este ano non haberá grandes concertos pero si animación do espazo onde se celebre o PicNic. Os “Dixie kings” realizarán un pasarrúas de Jazz eavanzará a tarde co “Fantástico Circo de insectos Xigantes do Dr Mezzo” para rematar a xornada co concerto modernista do quinteto de metáis da banda Municipal de Sada “Brassada” na praza da terraza.

Nesta IX edición, o concello aposta pola visión do modernismo dos artistas locais, cun cartaz realizado por David Suárez Ansede “ Geppe”, que se inspira nun escenario emblemático, como é a terraza, recentemente declarado Ben de Interese Cultural e que é un dos edificios máis representativos do estilo Art noveau galego, e anima á cidadanía a decorar os seus establecementos comerciais, fiestras e balcóns, con dibuxos e motivos modernistas, para poñer en valor este evento cultural.

Ademáis, coa intención de dinamizar a hostalaría e poñer en valor o patrimonio arquitectónico, repartiránse manteis desechables nos establecementos de restauración, cunha estampación da ruta modernista que percorre os principais elementos singulares do modernismo sadense.