A cativada protagonizará mañá unha nova iniciativa impulsada pola veciñanza e
as empresarias e os empresarios do barrio, na que haberá inchables, concurso
infantil de disfraces e moitas sorpresas
A Coruña, 28 de febreiro de 2020.- A Cidade Vella celebrará mañá o Entroido
pequeno cunha xornada en que as nenas e os nenos serán os principais
protagonistas. Organizada pola Asociación de Veciños e Empresarios da Cidade
Vella (AVEC) e co apoio do concello, esta iniciativa nace coa aspiración de que sexa
esta parte histórica da Coruña a que despida estas festas a golpe de comparsas e
entretemento para a rapazada.
A partir do mediodía, as comparsas Monte Alto a
100 e os Kilombeiros poñeranlle ritmo a unha praza da Fariña (Azcárraga) que
acollerá un concurso infantil de disfraces e un segundo de filloas e de orellas, para
os que se repartirán diferentes premios e nos que haberá sorpresas. Non é
necesario inscribirse.
Ademais, ata as cinco da tarde e se a climatoloxía o permite, instalaranse dous
inchables co fin de que os e as pequenas pasen un día divertido, así como un
obradoiro de pintura. Os locais da Cidade Vella tamén contribuirán á festa repartindo
sobremesas típicas entre a súa clientela.