A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, sinala que esta semana
instalouse unha marquesiña lateral, cun orzamento de 32.000 euros, para
responder “as demandas dos pais e nais das crianzas que adestran e xogan
nestes campos municipais” e asegurou que o proxecto xeral para instalar
unha marquesiña de maior tamaño está a piques de saír a licitación por
valor de 230.000 euros
A Coruña, 17 de novembro de 2020.-
O Concello, a través da Concellería de
Deportes, investirá máis de 250.000 euros en mellorar os campos de fútbol de San
Pedro de Visma. Esta semana instalouse unha marquesiña lateral para protexer da
choiva e do sol as espectadoras e os espectadores que visitan estes campos
municipais para desfrutaren dos partidos e adestramentos. Ademais, o Goberno
local sacará a licitación o proxecto xeral para instalar unha marquesiña que
protexerá gran parte do recinto, desde as bancadas aos corredores que dan aos
vestiarios.
A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, sinalou que o Goberno que dirixe Inés
Rey “escoitou as demandas dos pais e nais das crianzas que adestran e xogan nos
campos de San Pedro de Visma e deulles esta solución, cun orzamento de 32.000
euros, que é un punto de partida para acabar de satisfacer as necesidades que
cumprirá o proxecto xeral que está a piques de se sacar a licitación por un importe
de 230.000 euros”. Desde Deportes agardan que o proxecto se licite antes de que
finalice o ano para que poida ser executado durante o primeiro semestre de 2021.