A quinta edición do Ciclo Metropolitano pola Igualdade na Música e nas Artes, Elas Son Artistas chega á súa fin (ou case). Nesta nova andaina, Elas Son Artistas volveu levar a súa programación a nove concellos da área metropolitana da Coruña cunha programación moi diversa, destacando a volta das xiras internacionais e o regreso da música en directo ás salas de concertos como a Mardi Gras, o Garufa Club ou Jazz Filloa, e a outros recintos de máis aforo como o Teatro Colón.
Nun par de semanas, o sábado día 19 de novembro terá lugar a Gala de Clausura da quinta edición do ciclo Elas Son Artistas. Será no Centro Ágora de A Coruña ás 20.00 horas e co talento das artistas galegas como protagonista. Contará coas actuacións musicais de Yoly Saa, Caamaño&Ameixeiras, Antía Muíño e Ángeles Dorrio. A gala estará conducida pola poeta Yolanda Castaño, e haberá tamén pintura en directo a cargo da artista plástica María Meijide. As entradas están á venda en Ataquilla.com a un prezo de 10€ (+g.x.).
Ademais de Freedonia, nesta quinta edición edición de Elas Son Artistas gozamos de directos íntimos como os de Aida Saco, Leah Woods ou Leticia Rey, outros máxicos coma o de Ede ou o dos suecos The Riven e arrebatadores coma os dos canadenses Bywater Call ou a raíña do punk Ana Curra; deixando oco para o que aínda está vir. O día anterior ao acto de clausura, o 18 de novembro, o ciclo chegará ao Concello de Sada cos directos de LaMontagne & Pico Amperio e Lúa Mosquetera & Pablo Seijas, quenes estarán na na Casa da Cultura Pintor Lloréns (20.00 horas). Entrada libre ata completar aforo.
O vindeiro 26 de novembro, xa que todo evento artístico merece un bis emocionante, terá lugar o concerto de MJ Pérez no Auditorio de A Senra, no Concello de Bergondo (19.00 horas) Entrada libre ata completar aforo.
O evento do Centro Ágora vai ser unha gran celebración para ir finalizando esta quinta edición que consolida o Ciclo Metropolitano pola Igualdade na Música e nas Artes, que neste ano acolleu 22 proposas artísticas, dando traballo a 50 artistas e un total de 122 persoas entre as que están enriba dos escearios, persoal técnico e de xestión.
ELAS SON ARTISTAS
Elas Son Artistas é moito máis que un festival ou un ciclo de espectáculos artísticos. É unha reivindicación pola igualdade, unha homenaxe á muller creadora, que como sempre, será en todo momento protagonista.
Un festival posible grazas ao apoio institucional dos concellos que participan do mesmo, pero tamén grazas á suma a nivel patrocinio de empresas privadas como Gadis e Caeiro e colaboradores como MIM - Mujeres de la Industria de la Música, AIE - Sociedad de Artistas Intérpretes o Ejecutantes de España, Coca-Cola e a República Musical Mardi Gras. Finalmente, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia tamén colabora en aqueles espectáculos que se realizan en galego. |