O 19º traballo discográfico do grupo, que inclúe un cedé recompilatorio, explora os
escritos, as sonoridades e as pegadas que os viaxeiros deixaron ao seu paso polos
múltiples sendeiros que conforman o Camiño de Santiago en Galicia
A reserva do disco, cuxas primeiras cen copias estarán asinadas pola banda, xa está
activa a través da web https://WarnerMusicSpain.lnk.to/IwuKsSYE
A Coruña, 15 de xuño de 2020.- O novo disco de Luar Na Lubre xa ten data de publicación. O
vindeiro venres 26 de xuño sairá á venda Vieiras e vieiros, historias de peregrinos, o 19o traballo
discográfico do grupo, un álbum que visualiza a pegada artística, cultural e natural do Camiño
de Santiago a través das historias de quen percorreu os sendeiros: os peregrinos. O disco,
editado por Warner Music e producido por Mirmidón, conta co apoio da Xunta de Galicia a
través do programa O teu Xacobeo.
O título do disco é un xogo de palabras que fai referencia, precisamente, as historias de fondo
que son protagonistas neste traballo: o factor humano da ruta xacobea. Tal e como explica
Bieito Romero, “as vieiras son o símbolo máis recoñecible de Santiago como apóstolo e tamén
dos peregrinos que, en numerosas ocasións, levaron para a súa terra desde as nosas praias.
Estes viaxeiros foron e son os portadores das vieiras quen, co seu camiñar, construíron e seguen
a construír os vieiros que conforman as diferentes rutas xacobeas, desde o Camiño Primitivo até
os numerosos sendeiros que hai na actualidade. Eles, que levan as vieiras, fan os vieiros”.
Vieiras e vieiros, historias de peregrinos é un amplo traballo no que Luar Na Lubre pon en valor
a banda sonora dos territorios polos que transita o itinerario xacobeo, e que abrangue lugares
como O Cebreiro, A Fonsagrada, a Costa da Morte ou a propia cidade de Compostela. “As
prolongacións do Camiño ata Fisterra e Muxía son os remates naturais do antigo Camiño das
Estrelas dos celtas, a ruta que levaba os peregrinos ao final da terra, até o punto no que
comezaba o mar”, sinala Romero. Así, o disco inclúe, ademais das novas creacións de Luar Na
Lubre, “as sonoridades propias que agroman ao longo do Camiño e as músicas tradicionais que
estiveron, durante moito tempo, presentes na ruta xacobea”, afirma o artista.
O disco publicarase o 26 de xuño, pero todas aquelas persoas que desexen reservar o seu
álbum con antelación xa poden facelo. Estas primeiras copias, ademais, distribuiranse asinadas
pola banda e pódense adquirir, desde esta semana, a través do seguinte enlace, tamén
dispoñible nas redes sociais de Luar Na Lubre: https://WarnerMusicSpain.lnk.to/IwuKsSYE.
Vieiras e vieiros, historias de peregrinos inclúe tamén un segundo disco que recompila algúns
dos temas de Luar Na Lubre vinculados á ruta xacobea ou ao nacemento da mesma. “A nosa
creación é moi propia e persoal, pero está moi relacionada coas músicas tradicionais e,
especialmente, coa lírica galega medieval”, expón Bieito Romero. Así, neste segundo traballo
aparecen cantigas que Luar Na Lubre versionou en anteriores ocasións, e conta con
colaboracións tan interesantes como as de Diana Navarro, Ismael Serrano, Pablo Milanés, Miro
Casabella, a Orquestra Sinfónica de Bratislava ou Carlos Jean.