*Imaxe publicada aquí
Yoya Neira: “O CoruFest é unha referencia nacional na cultura LGTBIQ+”
Hoxe presentouse o Festival de Artes Escénicas CoruFest,
que se realizará desde o 7 até o 11 de outubro en diferentes espazos da
cidade para facer visible a liberdade afectivo-sexual na Coruña
A Coruña, 28 de setembro de 2020.-
A concelleira de Benestar Social, Igualdade e
Participación, Yoya Neira, e o concelleiro de Educación e Memoria Histórica, Jesús
Celemín, presentaron esta mañá o Festival de Artes Escénicas "CoruFest" xunto cos
directores deste, José Leis e Gustavo del Río, que se realizará desde o 7 até o 11
de outubro en diferentes espazos da cidade: Teatro Colón, Teatro Rosalía de
Castro, Centro Ágora, Fórum Metropolitano, Casa Casares Quiroga e Bibliotecas
Municipais da Coruña.
Neira sinalou que o CoruFest “é referencia nacional na cultura LGTBIQ+ e que “non
só fai visibles os dereitos e a igualdade, senón que o fai a través da cultura”. A edila
asegurou que esta iniciativa “sitúa á Coruña como unha cidade aberta á cultura
LGTBIQ+ grazas ao traballo da organización deste festival”. Pola súa banda, desde
a organización do Corufest destacaron “o apoio incondicional do Concello da
Coruña na súa terceira edición”.
O festival naceu na Coruña en novembro de 2018 como una iniciativa que aposta
pola programación de accións para dar visibilidade á liberdade afectivo-sexual e
presentarse como un lugar de reflexión, diálogo cultural e inclusión social.
Os directores do festival, Xosé Leis e Gustavo del Río, decidiron incorporar, na
programación deste ano, proxeccións, exposicións, encontros con autoras/es e
obradoiros; entre as xa habituais citas de música, teatro e danza; apostando e
sumando ao festival propostas de artes plásticas, escritas e cinema. Todas elas con
contidos LGTBIQ+.
A realización desta terceira edición, prevista para maio deste ano, viuse obrigada a
aprazar as súas funcións ante a crise sanitaria provocada pola pandemia. Co apoio
do Concello da Coruña nun ano tan complicado e a disposición de todas as e os
artistas contactados para a programación, finalmente realizarase nos vindeiros días,
con capacidades reducidas e seguindo estritamente todas as medidas sanitarias.
A programación comezará o mércores 7 de outubro co encontro exclusivo e
pechado ao público do Clube de Lectura Queer co famoso escritor Roy Galán, que
estará presente tamén ao día seguinte, o día 8, esta vez si aberto ao público, na
Biblioteca Municipal Ágora, ás 19.00 h.
Rodrigo Cuevas repite no festival, actuará no Teatro Colón o 8 de outubro ás 20.30
h co seu espectáculo ‘Trópico de Covadonga’, co que aborda o concepto do tempo
e os ciclos do ano en formato cancioneiro popular contemporáneo.
O venres 9 no vestíbulo do Teatro Colón teremos a terceira edición do Ciclo Alas, en
que se presentará o libro ‘El fin del armario’ de Bruno Bimbi e o documental ‘Fighting
Barriers’ de Tomás Fábregas. Á noite será a quenda de ‘Dados’, no Teatro Colón,
da compañía Ventrículo Veloz.
A programación do sábado será no Centro Ágora, ás 17.30 h co obradoiro de danza
“voguing” impartido por Galaxia La Perla e a continuación ás 19.00 h falará do seu
traballo. Ás 20.30 h, no Auditorio do Ágora representarase ‘Microspectivas dun
marica millenial’, un espectáculo de teatro-danza interpretado por Davide González
e dirixido por Vanesa Sotelo.
O domingo, Victoria Pérez, acompañada de Manu Fernández, estará no Fórum
Metropolitano co seu espectáculo ‘Rosa e azul’, unha sesión de contos que celebra
a diversidade LGTBIQ e que racha cos estereotipos de xénero e binarismo impostos
desde que nacemos. E, para rematar, o espectáculo ‘Várvara’, de Bárbara Sánchez,
no Teatro Rosalía de Castro, ás 20.30 h. Un achegamento feminista ao arquetipo
cristián de María Magdalena.
E ademais, desde o 7 até o 11, na Casares Quiroga estará exposta a obra do artista
multidisciplinar Cachorro Lozano, o creador das tres láminas dos carteis do Corufest
2020.